O conselleiro de Cultura acusa o BNG de «afastarse» das negociacións do pacto pola lingua 

Redacción LA VOZ

GALICIA

O conselleiro de Cultura, José López Campos, este mércores en Santiago
O conselleiro de Cultura, José López Campos, este mércores en Santiago Lavandeira jr | EFE

López Campos lánzalles «unha última chamada» aos nacionalistas para que volvan ao proceso de diálogo e pídelles «sensatez e coherencia»

11 dic 2024 . Actualizado a las 20:33 h.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acusou o BNG de «afastarse» do marco de negociación do pacto pola lingua e criticou a suposta decisión dos nacionalistas de non participar no grupo de traballo para a actualización do Plan Xeral de Normalización Lingüística

Así o afirmou López Campos durante a presentación este mércores do Calendario do Libro e da Lectura de Galicia na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago, despois da que, preguntado polos medios, lanzou «unha última chamada» ao Bloque para que volvan ao proceso de diálogo para alcanzar un acordo en relación ao idioma. 

«Creo que o BNG se está afastando do marco de negociación», subliñou o conselleiro logo da proposta realizada onte pola líder do BNG, Ana Pontón, de crear «unha mesa con todos os axentes políticos e sociais» para derogar o decreto do plurilingüismo e que se poña en marcha «un novo decreto no ensino». 

Segundo López Campos, os nacionalistas afánanse en seguir coa súa «eterna loita» respecto ao decreto e acusou ao Bloque de «poñer liñas vermellas» no marco do acordo. «Nós dixemos que estabamos dispostos a escoitar a súa proposta e dous meses despois o BNG non fai ningunha proposta alternativa a ese decreto», dixo o titular de Cultura, que opina que poñerse agora a crear unha mesa supón unicamente «dilatar o proceso». «O que ten que facer o BNG, logo de 15 anos criticando o decreto de plurilingüismo, é ofrecer unha proposta», insistiu. 

O conselleiro asegura que se despois deste tempo o BNG non presenta ningunha alternativa é porque ou non a teñen, o que dixo que sería preocupante, ou porque defenden «postulados» pouco moderados, apostando por unha «educación monolingüe e un modelo de inmersión lingüística». Por iso pediu aos nacionalistas que sexan «sensatos e coherentes» e volveu dicir que son «moitas máis cousas as que os unen que as que os separan».

Recordou José López Campos que dende a Xunta propuxeron 50 medidas inmediatas para dinamizar o uso social da lingua galega que «xa están en práctica» en ámbitos como a xustiza ou a sanidade, e para as que o BNG non presentou propostas. Tamén criticou que os nacionalistas non presentaron candidatos para as mesas de traballo previas á conformación do novo Plan Xeral de Normalización Lingüística. «O Goberno ofreceulle ao BNG a posibilidade de incorporar persoas que entendesen que tiñan que participar nese proceso de actualización e a información que temos é que non van participar», rematou López Campos. Os grupos de traballo presentaranos antes de que acabe o ano, «estea ou non o BNG».