Félix Jorquera estrea o programa de fin de semana de Radio Voz: «Afronto este reto coa ilusión de poder dirixirme aos oíntes de toda Galicia»

María Guntín
María Guntín LUGO / LA VOZ

GALICIA

Ata hai apenas uns días, Félix Jorquera conducía o programa «Voces de Lugo», de Radio Voz
Ata hai apenas uns días, Félix Jorquera conducía o programa «Voces de Lugo», de Radio Voz ALBERTO LÓPEZ

O ferrolán presentará todos os sábados e domingos «Con outra voz»

19 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Félix Jorquera (Ferrol, 9 de marzo de 1967) non concibe a súa vida sen a radio. A súa traxectoria profesional suma agora un programa para toda a rede de emisoras de Radio Voz en Galicia, que se emitirá cada fin de semana, tanto os sábados coma os domingos, de 10.00 a 14.00 horas, baixo o nome de Con outra voz. O ferrolán comezou a súa andaina cos micrófonos aos 17 anos, pasou por varias emisoras e no ano 2015 chegou a Radio Voz, emitindo para Lugo e Ribadeo.

—Como afronta este novo reto?

—Con ilusión, os cambios son sempre positivos e agora poderei dirixirme a máis oíntes, os de toda Galicia. Despois de tantos anos, síntome privilexiado de poder chegar directamente á xente.

—Que resaltaría da súa traxectoria?

—Levo traballando na radio desde o 85., cando comecei en Radio 80. Pasei por Antena 3, Radio Minuto, Los 40 Principales... Considérome un todoterreo da radio, un amante do medio ao que me liguei por amor á música. Eu defínome como un comunicador ou locutor á vella usanza, cun concepto de radio de proximidade, enfocada ao entretemento, pero que nunca deixa de lado as noticias importantes do día a día.

—Como será o trato cos oíntes?

—No caso da sección ‘Música da súa vida', serán convidados para seleccionar e compartir as súas cancións. Poderán intervir en directo e pronto facilitaremos teléfono, número para contactar a través de WhatsApp e tamén un correo electrónico. Todo para facilitar o contacto cotiá entre os oíntes e Radio Voz.

—Fálenos do novo programa.

—Comeza ‘Con outra voz', que se emitirá sábados e domingos, de 10.00 a 14.00 horas, para toda a rede de emisoras de Radio Voz en Galicia. Serán catro horas de actualidade galega, nas que falaremos de cultura, música, gastronomía, literatura...

—Cales serán as seccións fixas dos sábados?

—En primeiro lugar, ‘Galicinema', con Suso Varela. Todos os sábados crearemos este espazo de cine onde ademais daremos conta das últimas estreas, sen esquecer a oferta da televisión. O espazo para falar de economía e empresas chegará coa axuda de Eduar Garza, consultor, que nos facilitará información de interese a nivel empresarial e tamén económico. Ademais, Garza resolverá dúbidas de oíntes. ‘O contrafío' é unha sección de opinión cun punto de retranca, que estará a cargo de Agustín Baamonde.

—E cales serán as dos domingos?

—Haberá espazo para a psicoloxía da man de Teresa López Cobo, coa que tratarei temas de actualidade dende o punto de vista da súa especialidade.

—Algunha sección fixa para toda a fin de semana?

—'O furancho' e ‘música da súa vida' serán dúas seccións que se repetirán os dous días. A primeira versará sobre gastronomía, restauración e todos aqueles temas que deleitan os nosos padais. A que se centrará na música traerá a convidados moi coñecidos que escollerán as tres cancións da súa vida, ofrecendo a través delas un perfil moi persoal. A primeira en poñerse ante o micrófono será Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago.

—Adiántenos as estreas para esta fin de semana.

—Teremos con nós a Roberto Almuíña, o tesoureiro da recentemente creada Federación Galega contra a Contaminación Acústica e tamén a Óscar Rivas, técnico da fundación Oso Pardo. Tamén falaremos co actor e humorista Federico Pérez, que actúa o sábado nas Noites de Retranca que teñen lugar no teatro Afundación de Vigo. Por último, afondaremos nos detalles da nova xira de Abraham Cupeiro.