Valentín González Formoso: «Politizar os incendios é un erro, non vale todo para chegar á presidencia»

Xosé Vázquez Gago
Xosé Gago SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Paco Rodríguez

Di que o non do BNG á eólica sumirá a Galicia no atraso e que o PP se resigna

23 jul 2022 . Actualizado a las 08:47 h.

No centro do Obradoiro, entre Raxoi e a catedral, o terreal e o divino, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso (As Pontes, 1971), traza un camiño para o rexurdir dos socialistas galegos tan afastado da resignación do PP como da fantasía do BNG.

—Fai 266 días á fronte do PSdeG: que cambiou no partido?

—Hai dúas facetas. Por unha parte, a reconexión cos sectores sociais e produtivos, que era imprescindible. Por outra parte, o carácter de proxecto autónomo de Madrid. Somos socialistas? Si. Temos boa relación co partido e co Goberno? Por suposto. Pero por riba de todo están os intereses dos galegos, custe o que custe e lle guste ou non ao PSOE.

—Que mellorou e que empeorou con Rueda na ponte de mando?

—Non podo acreditar ningún cambio. As decisións políticas seguen a ser as mesmas, baseadas na resignación e sen enfrontar os graves problemas do país. Non hai proxecto alternativo baseado na ciencia e na tecnoloxía. Os mozos que decidiron marchar, aos que Feijoo lles regalaba unha maleta, seguen a ver Galicia como un país ao que volver para Nadal, pero non como un país no que desenvolver o seu proxecto vital.

—Reuniuse con Rueda en xuño. Volveron quedar dende entón?

—Encontrámonos en actos, pero non nos sentamos a falar.

—Entón non negociou con el o pacto de silencio sobre o derrubo da A-6 que denuncia Ana Pontón?

—[Sorrí] A ver, o viaduto supón un grave problema para os condutores e as empresas. Pero é un sinistro. O primeiro é coñecer as causas con seguridade. E se tardamos un mes máis por facer unha investigación máis profunda e garantir a seguridade, a cidadanía vaino preferir. Non todo vale en política. O sinistro podería ter acaecido con calquera Goberno. Hai que ser solvente e serio e non aproveitar todas as ocasións para facer política mendaz.

—Inclúe aí os incendios?

—Os lumes asolan Galicia con independencia de quen goberne. Non vou cometer o erro de Feijoo contra o bipartito de facer campaña cos alcaldes contra a Xunta ou coller a mangueira con mocasíns para simular que apago un incendio. É un tema demasiado serio. A xente quere políticos que xestionen a prevención, a ordenación forestal e a territorial, que é a gran materia pendente en Galicia. O monte pode ter unha produtividade moito maior, e non ardería, seguro. Politizar os lumes e usalos contra o Goberno é un erro que a cidadanía non aceptará. Non vale todo para chegar á presidencia da Xunta.

—Pero Sondaxe di que o BNG os supera dende o centro á esquerda. Herdou un PSdeG desdebuxado?

—Non. Na enquisa somos a única forza que sube un deputado. Vai calando un PSdeG con criterio de país que non fai política de corto prazo. Xeraremos solucións e non problemas, e a confianza seguirá medrando. E a xente de centro non creo que estea de acordo cun partido que quere que Galicia sexa unha república independente ou que condena igual a Putin que á OTAN.

—O Bloque leva iniciativas sobre o dereito a decidir con Bildu e ERC: durmiría tranquilo con eles?

—Durmiría tranquilo co BNG, co que goberno na Deputación, se establecemos un proxecto progresista, no que prevalezan a protección social, o emprego e a defensa de Galicia por riba de calquera cuestión soberanista. Se o BNG, como parece, segue a dar prioridade a crear unha república independente, que é algo alleo ao que pensa a maioría da sociedade galega, o encaixe será moito máis difícil. Pero penso que o PSdeG vai ser quen de ilusionar ao país cara a un futuro moi distinto da resignación absoluta na que o mantén o Goberno do PP.

—A postura do BNG cos eólicos é totalmente oposta á do PSOE. Cal preferirán os galegos?

—O primeiro é a coherencia. Xa Pontón era deputada cando o BNG gobernou e impulsou un macroconcurso para poñer 5.000 megavatios eólicos, e non escoitei unha palabra en contra. O PSdeG o apoiou, e segue apostando pola eólica con respecto á propiedade privada e ao medio ambiente. A enerxía ten que saír dalgún lado. Queremos que sexa barata, pero non queremos nin carbón, nin nuclear, nin hidráulica e agora tampouco eólica. Galicia pode liderar a revolución verde que precisa a UE con eólica e hidróxeno verde. Se apostamos pola enerxía galega, as familias e as empresas terán acceso a un subministro barato e estable. Os mesmos que dicían que a AP-9 era unha navallada ou que a chegada do AVE ía desestruturar o país din agora que a eólica fai dano a Galicia. Quérena sumir no atraso do século XIX porque non son capaces de evolucionar, e iso afástaos do goberno e da sociedade. O triste é que lle marcan o ritmo ao PP, que se resigna a non liderar a revolución verde.

—Culpan á Xunta do colapso sanitario, pero Galicia, Cataluña, País Vasco e outras comunidades esíxenlle solucións ao Goberno.

—Coincidimos sempre coa Xunta, non agora, sempre, cando gobernaba Rajoy e cando goberna Sánchez, en que non entendemos como non hai máis mires. É certo que con Pedro Sánchez subiron un 30 %, pero aínda non son suficientes. Agora ben, a Xunta ten un problema enorme na xestión da sanidade e atínxenos a todos. Tardamos ata 14 días en ver ao médico porque faltan mil profesionais. Fanse contratos temporais de 10 e 15 días cando noutros territorios as estadías son moito máis longas e fanse contratos indefinidos. Non é que se convoquen máis, é que os mires formados en Galicia non quedan. Exportamos médicos.

MOI PERSOAL

—A onde iría de vacacións e a onde irá?

—Aínda non sei onde irei. Iría todo o verán ao Barqueiro, en Mañón. O día que me retire pasareino alí, seguro.

Que é o máis curioso que lle pediron en eleccións?

—En Mañón, con Farruco Sineiro, un paisano díxonos que a froita de alí é única, e que faría falla un aeroporto para levala fresca aos mercados.

—Que lema lle poría ao seu partido político?

—O PSOE é a columna vertebral que une os soños coa realidade. O PP é só xestión e o BNG só soños. Os socialistas, cos nosos defectos, estamos nos dous mundos.

—A que rival político ficharía?

[Pensa] Pedro Puy.

—En que progresou adecuadamente?

—Claramente, no meu coñecemento do mundo da pesca e da agricultura.

—En que necesita mellorar?

—Na organización do tempo e da axenda.

«Levamos soñando as cidades por riba de calquera outro partido desde as primeiras eleccións»

 Formoso anunciou que optará a ser o candidato do PSdeG á Xunta. Esta semana dixo que aínda non decidiu se tentará renovar a alcaldía das Pontes.

—O candidato á Xunta elixirase antes ou despois das municipais?

—Entendo que despois. Sería irresponsable facelo antes dunhas eleccións nas que nos xogamos tanto.

—A ola de Sánchez no 2019 axudoulles a gañar alcaldías: unha ola de Feijoo levaraas lonxe?

—Non. O PSdeG está moi vinculado ao mundo municipal. Levamos soñando as cidades por riba de calquera outra formación dende as primeiras eleccións. E é un ámbito no que a parte persoal e o proxecto teñen moito que dicir. Temos 111 alcaldías, e o noso gran reto vai ser aumentalas.

—Dirame que decidirá a militancia, pero cre que obterían bos resultados Laura Seara en Ourense e Iván Puentes en Pontevedra?

—Decidirano os compañeiros, como din os estatutos, e calquera militante se pode presentar.

—Non hai preferencia?

—Non debo.

—Os Avril atrásanse, as competencias do litoral paradas, os Next Generation no aire... A quen lle ten manía o Goberno en Galicia?

—O compromiso do Goberno con Galicia é indiscutible. A alta velocidade inaugurouna Pedro Sánchez. É un proxecto compartido que arranca con Zapatero e continúa con Rajoy, pero é Sánchez quen a termina con unha inversión tremenda. Hai un retraso na entrega dos trens, e temos que esixirlle a Renfe e a Talgo que cumpran, pero as máquinas están adquiridas e a cidadanía entende que a parte importante está conseguida. Galicia foi unha das comunidades máis beneficiadas polos fondos covid, e esperemos que nas próximas semanas avancen as conversas para a asignación a Stellantis da plataforma do vehículo eléctrico.

—A reunión entre Rueda e Sánchez desta semana resolverá algúns deses asuntos pendentes?

—Penso que neste caso concreto se falará dos grandes temas de Galicia. Non sei se poderán resolverse moitas das cuestións. Unhas están á espera de convocatorias, como é o caso da plataforma do vehículo eléctrico, que depende dun trámite administrativo. Ou os informes da A-6, que son un tema técnico. Pode haber avances no ámbito do dominio público marítimo terrestre, que Feijoo non pediu na época de Rajoy, e agora se reclama. Tarde piamos, pero hai que compartilo, e tamén chamar a atención sobre a necesidade de actualizar o Estatuto, que está desfasado.