Juan Casares Long, exreitor da USC: «Agora si que concilio»

GALICIA

Casares posa na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, onde dá clases
Casares posa na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, onde dá clases XOAN A. SOLER

A piques de xubilarse como catedrático de Enxeñaría Química, pasa o tempo entre as clases, os laboratorios, os proxectos para escribir e traducir libros e, sobre todo, estando cos seus netos

27 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasaron os anos e os reitores, pero el continúa no mesmo lugar no que dixo que estaría aquel 26 de febreiro no que anunciou que non se presentaba á reelección: o seu despacho na Escola Técnica Superior da Enxeñaría da Universidade de Santiago. En realidade, aqueles catro anos de durísima política universitaria, cunha profundísima crise económica zoando nas institucións, foron algo así como unha paréntese na vida de Juan Casares Long (A Coruña, 1950). Hai dez anos que foi padriño da promoción que daquela saía da facultade, e este ano, o derradeiro como catedrático, volverá apadriñar a graduación de Enxeñaría Química. Xubílase este verán.

«O meu mandato foi difícil polas circunstancias e tamén porque son como son e non sirvo para poñerme de perfil», recorda. O primeiro que fixo logo de deixar San Xerome foi «traducir un libro». A Primavera silenciosa de Rachel Carson crea conciencia ecolóxica en lingua galega grazas a el. A edición esgotouse en menos dun ano. «Foi un compromiso persoal coa lingua, porque cheguei ao galego moi tarde», recoñece.

Tamén retomou as súas responsabilidades docentes e investigadoras, «xa doutro xeito». «Falo co mesmo interese. Case un chisco máis, porque como fuches reitor non podes meter a zoca na clase, non podes levala sen preparar. Tes unhas obrigas morais fortes», di cun sorriso. «Foi retornar á miña actividade», aínda que en realidade nunca a deixara de todo porque daba unha materia de máster sendo reitor.

«Fuches reitor, non podes meter a zoca na clase. Tes unhas obrigas morais fortes»

Este ano imparte cinco materias e ademais participa no proxecto europeo Trafair, para controlar a contaminación do tráfico, no que tamén participa o Concello de Santiago. A docencia, a investigación e tamén o consello de dirección do Wessex Institute of Technology enchen unha parte importante desa necesidade de devolver unha parte de coñecemento. «Tiñamos moitos proxectos europeos, e agora co brexit non sabemos como vai quedar, depende das negociacións», di.

Quédalle tempo para algo máis? Queda. Participa no Consello da Cultura e tamén lle dedica tempo, e de moita calidade, á familia. «Agora si que concilio», recoñece. E goza, sobre todo, dos seus netos. «Polas tardes verasme moitas veces co carriño. Estou facendo cos netos o que non fixen cos fillos».

E a súa actividade non remata aí. «Estou empeñado en escribir dous libros máis. En realidade na mente teño tres». Dous escritos e unha tradución, porque cre que «falta xente no mundo da tecnoloxía que escriba en galego». Ten un proxecto de investigación biográfica sobre un persoeiro «inxustamente esquecido» con moita influencia no galeguismo. E quere tamén retomar este verán as memorias da Reitoría, que quedaron aparcadas por problemas de saúde no 2017.

Casares celebrando co seu equipo a súa elección como reitor da USC no ano 2010
Casares celebrando co seu equipo a súa elección como reitor da USC no ano 2010 XOÁN A. SOLER

Fun

Reitor da Universidade de Santiago entre o 2010 e o 2014

Este verán xubilarase da docencia
Este verán xubilarase da docencia XOAN A. SOLER

Son

Catedrático de Enxeñaría Química na USC e tamén avó