Orzamentos 2020: Unha normalidade excepcional

Miguel Tellado
Miguel Tellado A VALORACIÓN DO PPDEG

GALICIA

20 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

En tempos de política de regate curto, algarada e movemento a golpe de enquisa, un goberno que ten o atrevemento de presentar un Orzamento en tempo e forma case corre o risco de ser tachado de excéntrico e anacrónico. Aínda así, en Galicia temos a sorte de ter unha Xunta que segue crendo que a política é unha actividade destinada a mellorar a vida da xente e non a cultivar as vaidades das persoas que encabezan os partidos.

Nun momento de inseguridade e volatilidade económica, estas contas representan certezas e unha aposta polo crecemento: máis investimento, récord histórico en gasto social, mellora das condicións dos empregados públicos e pulo á cultura e á preparación do Xacobeo 2021. Pero tamén significan menos débeda e menos impostos, porque Galicia segue a ser a comunidade referencia de toda España en rigor na xestión das contas públicas e, tralas novas reducións na carga fiscal, podemos asegurar que na década do presidente Feijoo á fronte do Goberno autonómico os galegos aforraron 1.500 millóns de euros, que quedaron nos petos das familias e os traballadores.

Esta realidade, a dunha Xunta preocupada pola economía, o emprego, os servizos públicos e a sanidade, contrasta co día a día dunha esquerda ocupada unicamente en crearlle novos problemas á sociedade e reabrir debates pasados co obxectivo de camuflar a súa incapacidade para afrontar os desafíos do futuro. A maior expresión desta realidade é un Pedro Sánchez absolutamente despreocupado de Galicia, que vai a novo agravio por semana coa nosa terra, e que leva anos sendo o fío condutor da parálise e o bloqueo que vive o país.

Por todo isto, unhas contas coma as que presentou a Xunta son unha normalidade excepcional. O que debería ser habitual na xestión pública é hoxe un caso extraordinario, que nos converte en modelo a seguir para gobernos autonómicos, sexa cal sexa a súa cor.

Hoxe non hai mellor desexo para España ca que a súa política e o seu Goberno se parezan o máis posible aos de Galicia.