Galicia está de moda

m. s. REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

ALBERTO LÓPEZ

A web de La Voz abre hoxe unha nova unidade do curso de galego, a número sete, na que o coñecemento da lingua se mesturará coa industria téxtil e co comercio

03 ene 2019 . Actualizado a las 16:23 h.

O século XX camiñaba as súas últimas décadas cando a Galicia dos xastres e das costureiras lle deu paso á Galicia da industria da moda. Desde entón, con momentos mellores e peores, o sector téxtil converteuse nun piar fundamental da economía galega. 500 empresas -entre elas o xigante mundial Inditex-, 36.000 empregos, 27.000 millóns de facturación no 2017 e por riba do 6 % do PIB. No medio das grandes cifras, empresas poderosas e empresas pequenas, empresas na vangarda e outras que tratan de saír adiante sen perderen de vista o bo facer dos artesáns. Unhas e outras terán cabida na nova unidade do curso de galego que hoxe abre na web de La Voz.

Exemplo desa tradición feita modernidade é a familia Ferro, unha das protagonistas da unidade, que vai xa pola terceira xeración de zoqueiros e que soubo adaptar o oficio aos novos tempos. Os seus zocos de deseño véndense en tenda, pero tamén a través de Internet, e mesmo ofrecen a posibilidade de que os clientes deseñen os seus propios zocos. Un século de historia que quere seguir pisando forte.

Aos novos tempos sumouse tamén a creadora de Animosa, unha empresa que hoxe compoñen un grupo de mulleres que elaboran roupa, produtos de papelería e de fogar, e que se definen como unha empresa feminina, feminista e sostible.

Xunto a estes dous exemplos, Adriana Domínguez, a nova xeración dunha das empresas máis representativas do sector en Galicia, será a personaxe da unidade na sección Con voz propia. E Sabela e Paulo, que veñen acompañando desde a primeira unidade aos alumnos do curso de galego, falarán tamén de moda, dos desfiles, da fábrica e das materias primas.

A moda e o comercio son os temas que servirán de escusa para aprender un pouco máis de lingua. Para coñecer as perífrases e para saber da colocación do pronome átono nelas. Para repasar as preposicións e para saber como pedir opinións, formular reclamacións ou expresar queixas e suxestións.

O curso que ofrece La Voz de Galicia en colaboración con Política Lingüística chega con esta temática á unidade número sete. Quedaranlle outras tres entregas para que os seus seguidores poidan estar en condicións de presentarse aos exames oficiais que acreditan o nivel Celga 3 de lingua galega.

Dez unidades

O curso de galego, que foi deseñado pola empresa Netex, e que comezou a abrirse na web de La Voz de Galicia o 22 de novembro, componse de dez unidades. As primeiras sete están xa á disposición dos internautas. Pódese acceder a elas a través da páxina, e con só proporcionar unha dirección de correo electrónico e un contrasinal, o que permite facer este curso no que se pode aprender de forma divertida o nivel de lingua galega necesario para conseguir o recoñecemento do Celga 3.