A silvicultura activa

Francisco Fernández A XESTIÓN

GALICIA

MANUEL MARRAS

15 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Coincidindo coa revisión do Plan Forestal de Galicia, estase desenvolvendo un amplo debate en relación coas especies arbóreas que deben e non deben estar no monte galego, cando o que se debe acadar neste é un equilibrio entre as funcións produtivas, as ambientais e as sociais, aplicando o sentido común.

Lonxe están aqueles tempos nos que os montes, sen apenas atención, cumprían a función de banco para as familias do rural. Hoxe os propietarios forestais debemos planificar con rigor técnico as actuacións, aplicar técnicas correctas, certificar a xestión para poder soster os nosos montes... e todo isto respectando múltiples disposicións restritivas e soportando un alto risco de destrución. Circunstancias preocupantes que están convertendo a xestión de montes nunha actividade económica con escasa marxe para o beneficio, en especial para os montes de pequeno tamaño, abocados ao abandono.

A silvicultura, a xestión forestal e a conservación do monte a través das externalidades medioambientais e sociais, así como a súa crecente capacidade para xerar emprego no medio rural, transcende o interese do propietario para acadar ao conxunto da sociedade galega. Faise necesario xuntar esforzos para camiñar cara ao equilibrio, xa que a historia xa nos ensinou, unha e outra vez, que un monte que non é rendible ten maior probabilidade de arder.

O obxectivo final debería ser que a xestión dos nosos montes se optimice mediante unha ordenación máis eficiente dos recursos, tratando de que cada especie arbórea presente nun monte cumpra unha función definida, establecendo os incentivos axeitados para mobilizar o investimento privado e garantindo os recursos públicos necesarios para manter as externalidades medioambientais e sociais sen poñer en risco a viabilidade económica do aproveitamento forestal. Para isto debemos contar co apoio dunha Administración que entenda dunha vez a lóxica forestal e o respaldo dunha sociedade que saiba darlle ao monte a importancia que este ten para Galicia.

Neste contexto, especificamente galego, faise necesario que se diferencie socialmente aos propietarios forestais que invisten e xestionan de forma sostible as súas propiedades dos que manteñen unha actitude absentista ou de abandono. Tamén resulta vital involucrar tanto aos actuais coma aos futuros propietarios e xestores nos investimentos a longo prazo. Con este obxectivo, parece oportuno establecer o status de silvicultor activo e formular políticas e incentivos axeitados ás necesidades deste colectivo, no que recae a enorme responsabilidade de evitar o abandono e transmitir nas mellores condicións posibles o patrimonio recibido.

Nun país no que o 98 % do monte é privado, a política forestal debe privilexiar ineludiblemente aos propietarios particulares, comunidade s de montes, sociedades e xestores forestais que traballen con criterios de sostibilidade, mellorando a fiscalidade da actividade forestal e establecendo para eles un réxime permanente de medidas de apoio económico axustadas á economía real de cada monte. 

Francisco Fernández de Ana Magán es presidente da Asociación Forestal de Galicia (AFG)