O folguista vigués, portavoz de Alternativas na Xustiza-CUT, e 220 colegas viaxaron en catro buses a Santiago tras pechar os xulgados da cidade
26 ene 2018 . Actualizado a las 12:21 h.O portavoz de Alternativas na Xustiza-CUT, Pablo Valeiras, xunto con Xulio Bouzas, de UPJ-USO, foi un dos últimos en embarcar en Vigo en un dos catro buses para ir a manifestarse a Santiago.
-Como valoran a xornada?
-Foi un éxito rotundo e absoluto. Dous mil traballadores reivindicamos o fin da discriminación na Xustiza galega respecto de compañeiros do resto do Estado.
-Vai en serio a folga indefinida?
-Xa fixemos o preaviso para o 7 de febreiro. Non hai máis realidade que esa. Paralizaremos a Xustiza e os únicos responsables serán Feijoo e, sobre todo, Rueda.
-Pero hai recortes?
-Intuímos que o Goberno galego quere desviar cartos, non sabemos con que fins, dos 2.500 traballadores de Xustiza. A Xunta percibe unha asignación por cada funcionario, pero o que aforra nunca redunda na Xustiza.
-Denuncian que se caes enfermo che descontan a metade nos primeiros días.
-E aos fiscais, maxistrados e letrados que están traballando na mesma oficina non lles descontan. Nin tampouco aos compañeiros do ministerio en Canarias, Navarra, Aragón ou Cataluña.
-En serio non se pode coller unha gripe?
-Nin gripe, nin sarampelo nin varicela nin 38 enfermidades infecto-contaxiosas máis. E unha persoa con cancro non pode facer substitucións porque o Goberno considera que neste país non se pode estar enfermo.
-Pero seica o Goberno fala agora de subas salariais do 8 %.
-É irreal, maquiavélico. Inda por riba, perdemos nos últimos anos entre 10.000 e 3.400 euros, sufrimos subas por debaixo do IPC.
-Cal é a súa mensaxe?
-Se en vinte anos non houbo folgas por salarios nin reducións de cadro de persoal e agora as hai é que algo pasa. Ou están equivocados 2.500 traballadores ou son Feijoo e Rueda os trabucados.