Os concellos galegos reciben o 37 % dos cartos que ingresan de transferencias correntes, entre as que xogan un papel esencial as participacións nos ingresos do Estado (PIE). Por esta vía recibiron 535 millóns de euros no ano 2014: supón 194,9 euros por cada habitante, fronte a unha media do Estado de 243,5 euros por persoa. Deste xeito, o prexuízo para os concellos galegos suma só nese ano 137,5 millóns de euros á perda, que se elevan a preto de 1.400 millóns no total do último decenio. Pero cal é a causa deste trato discriminatorio e como se pode superar?
Para entender por que se produce ese resultado cómpre ter en conta que no actual modelo de cesión (no que están as seis cidades galegas máis poboadas) os concellos netamente favorecidos no reparto da PIE son aqueles que contan con máis de 500.000 habitantes: supoñen o 17 % da poboación do Estado pero perciben un terzo do montante total. Ningún deles é galego. Mentres, no modelo xeral que integra os municipios galegos con poboación inferior a 75.000 habitantes, repártese un 75 % das contías atendendo á poboación, un 12,5 % en función do esforzo fiscal e outro 12,5 en función inversa da capacidade tributaria. Aquí, a causa principal do trato discriminatorio hai que buscala no factor poboación, ao ponderarse favorecendo aos concellos de máis de 50.000 habitantes mentres que Galicia, que si ten unha media de habitantes por concello superior á media do Estado, non conta con grandes concentracións de poboación.
Fronte a esta situación, desde Galicia debe demandarse unha revisión dos criterios de reparto da PIE que atenda ás necesidades e custo dos servizos e competencias municipais. Así, a ponderación da poboación non se debe facer por tamaño, senón por factores como a idade (Galicia ten o 8,24 % dos maiores de 65 anos) ao tempo que debe introducirse como factor relevante a dispersión, xa que Galicia conta co 50 % dos núcleos de poboación de toda España.
Porque é de xustiza e ademais racional.