Hai uns días, líamos con certa sorpresa que a Dirección Xeral de Tráfico estudaba non permitir a reincidentes por consumo de alcohol ou drogas a recuperación do carné de conducir, como medida para reducir a mortalidade nas estradas. Desde logo, a multirreincidencia é un dos principais desafíos en seguridade viaria que temos por diante, pero cremos que a aposta ten que ir por outros camiños e non só a través de medidas sancionadoras con escaso carácter resocializador.
Experiencias europeas, como a de Suíza, onde se ofrecen programas específicos para condutores penados multirreincidentes para a modificación da conduta, constitúen un exemplo do éxito deste tipo de medidas, onde a reincidencia baixou nun 50 %. Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia levamos catro anos ofrecendo o programa Psicovial, específico para multirreincidentes, en colaboración coa Dirección Xeral de Xustiza e Institucións Penitenciarias. E de acordo cos nosos resultados, a reincidencia baixou nun 60 % naquelas persoas que accederon ao mesmo.
Galicia, xunto con Asturias e Cantabria, concentra as taxas de condutores que máis reinciden no Estado, segundo apuntan diversos estudos, polo que é unha responsabilidade pública que esteamos na vangarda da abordaxe desta problemática. Tras a reincidencia, atopamos tres características comúns na maioría dos condutores: un déficit de autocontrol, a percepción de autoinmunidade e a condución temeraria. Estes tres aspectos son susceptibles de ser abordados a través da psicoloxía, con programas de modificación da conduta e de actitudes, impartidos por profesionais e que se adapten ao perfil do reincidente.
Desde o Grupo de Tráfico e Seguridade do Colexio de Psicoloxía queremos trasladar que non é cuestión de criminalizar ás persoas reducíndoo a un problema de adicións desde unha perspectiva unicamente médica, senón que cómpre resocializar e potenciar os recursos propios das persoas, e así mellorar a seguridade nas estradas.
Unha abordaxe conxunta médico-psicolóxica é a mellor garantía para poder baixar as taxas de reincidencia, unha necesidade urxente xa que se estima que os condutores que acumulan varias penas por delitos de tráfico son os responsables dunha cuarta parte dos accidentes graves ou moi graves. Este tipo de programas sería unha boa forma de investir parte do recadado a través das sancións de tráfico procedentes da reincidencia.