Reenfoquemos a loita

Fátima López e Rubén Villar TRIBUNA

GALICIA

24 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Para a maioría da sociedade, a violencia contra a muller só se ve cando hai un crime, pero para quen traballamos neste eido sabemos da súa gran profundidade e devastadoras consecuencias. Previo a un asasinato hai un forte proceso psicolóxico de control, illamento, ameazas, humillacións, e tamén de agresións físicas. Unha violencia exercida contra a muller e contra outras vítimas ata agora invisibilizadas, os fillos e fillas, vítimas tamén; así como outros aínda invisibles, como familiares, amizades, a comunidade...

Cando se produce un asasinato, a primeira cuestión é se existía denuncia previa, pero cando un home está disposto a saltarse unha orde de afastamento e mesmo a rematar coa súa propia vida para cometer un asasinato, a denuncia por si soa non protexe. Todos e todas estamos implicados nesta loita contra a violencia e temos unha responsabilidade. Existen recursos, e cada vez máis urxe facer un traballo conxunto e coordinado para poder abordar a amplitude desta tráxica realidade e previr o dano tan atroz que se está a producir sobre os fogares nos que se vive violencia de xénero. Debemos apostar por unha abordaxe integral, como se recolle na lei; polo tanto unha muller que denuncia ou que pide axuda ten que estar amparada polo Estado desde o inicio, facendo realidade a expresión «non estás soa».

Poñamos vontade política para ir á raíz da violencia contra a muller e definamos de xeito estratéxico como abordar integralmente a violencia de xénero, poñendo o foco na prevención e na coordinación de recursos. Camiñemos ao seu lado para que non teñamos que gardar máis minutos de silencio.