«O 60 % do persoal ten actividades formativas cada curso»

GALICIA

XOÁN A. SOLER

A formación continuada dos profesores é unha das maiores preocupacións da Consellería. Corredoira é o seu director xeral

01 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A formación continuada dos profesores é unha das maiores preocupacións da Consellería de Educación, porque dende o departamento autonómico saben que a calidade dun sistema, e polo tanto dos rapaces, está vinculada á calidade do profesorado. E non é que os mestres galegos sexan malos, senón que a realidade actual é moi diferente á que tiñan cando moitos deles empezaron, e malamente vai poder usar un robot (o unha pantalla dixital, un ordenador, unha tablet...) un docente que non recibiu formación sobre o seu uso.

-Vostedes fomentan que os centros deseñen a súa formación. Eles que lles piden?

-Moita formación curricular, porque cos cambios de leis necesitan saber como se adaptan aos novos proxectos. Pero tamén piden cursos sobre asuntos que eles mesmos desenvolven, coma o fomento da diversidade e as novas tecnoloxías da aprendizaxe, e non me refiro só a como funciona un ordenador, senón a calquera dos medios tecnolóxicos.

-Algúns profesores pensan que sobre o papel o novo programa de formación nos centros é moi interesante, pero que á hora da verdade non ten moito percorrido polo pouco diñeiro do que dispoñen, uns 1.000 o 1.500 euros por curso, e iso para traer xente que lles aprenda e comprar o material que necesitan non parece moito.

-Non é só unha cuestión de recursos. Porque tamén se destinan horas de traballo, os profesores de primaria teñen 25 horas semanais de presenza no centro pero só 20 de clase. Esas cinco son para avaliacións e traballo técnico, pero tamén para formación. O que se usa é facer os cursos polas tardes durante todo o ano. Outras veces xúntanse varios centros para ter un programa común, porque son centros pequenos. E tamén hai que contar cos centros de formación do profesorado [CFR e CEFI], nos que agora mesmo hai 80 asesores que fan de soporte aos centros, de apoio loxístico e buscando os programas que necesitan.

-De feito, coa crise, os CFR baixaron, se non en número, si nas extensións do servizo.

-Dende o 2010 temos a nova estrutura e conseguímola manter durante estes anos. Mantivemos a rede de sete centros a pesar da situación. O plan de formación que presentou o conselleiro antes do verán indicaba que cada día hai 12 actividades formativas nos centros, de promedio, porque son 2.400 ao ano. Hai moitas opcións: os cursos que organizan os CFR [neste xa hai programados máis de 400 e van aumentando], que son presenciais, os plans de formación, os cursos on line, que cada vez son máis frecuentes e queremos amplialos, e os MOOC [cursos abertos en Internet que ofrecen as universidades e centros máis prestixiosos do mundo], aínda que temos que ver como se van certificar.

-Que opina de quen pide que xullo se destine á formación obrigatoria dos profesores?

-Que non coñece a realidade do profesorado. O 60 % do profesorado fai actividades cada ano, uns 20.000 profesores [hai uns 30.000 na rede pública], e tamén en xullo.

-Pensa a Xunta que os profesores galegos están ben formados para preparar aos rapaces deste século?

-Hai unha renovación, hai que adaptarse, pero o uso da tecnoloxía non é descoñecido para os profesores. Estamos adaptando o método para que todo o mundo saiba desenvolverse nunha clase. Hai un cambio no rol de profesor e niso estamos traballando.

-A outra aposta da Xunta, di, é no aprendizaxe de idiomas.

-Si, temos estadías de inmersión lingüística, ben en Galicia ou con licenza no exterior. Este ano son 500 meses de formación, moitos docentes cun mes e outros con ata tres, e o obxectivo é aumentalo nos vindeiros anos. Cada vez pídeno máis, porque hai moitos centros que participan en programas europeos e o coñecemento vivo do idioma facilítao; ademais, os profesores novos veñen preparados doutra maneira en idiomas. Hai programas en inglés, francés, italiano e portugués, dentro da estratexia Valentín Paz Andrade, que é unha prioridade. Tamén o francés é moi potente, o profesorado responde moi ben e é moi activo, aínda que o máis destacado son as estadías do inglés.