A 2017 non lle van faltar retos. Nunca hai anos sen retos e desde o comezo da crise foron a máis para quen decidimos traballar por transformar a sociedade na que vivimos nun espazo máis xusto a través da participación da xente que faga extensible esta xustiza social e chegue a todas nós.
Hai moito por facer en 2017. Tanto que incluso é difícil establecer prioridades entre todas as urxencias. Primeiro é acabar coa violencia machista en todas as súas manifestacións. Este ano recén iniciado tería que ser definitivo neste traballo, sen máis escusas. Encontrarlle final á violencia machista sería o gran logro que faría pagar a pena o noso traballo, e as reivindicacións nesta materia neste ano.
Pero hai máis que facer. Por exemplo, avanzar en conseguir un país máis igualitario en todos os sentidos, para que ninguén sufra nos seus fogares a pobreza enerxética polos abusos das eléctricas ou perda o seu fogar. Igualitario para ir pechando a fenda social entre os que din que a crise está superada e aqueles que foron condenados á crise para sempre. 2017 pode ser un ano chave para o cambio no que facer da política unha cousa cotián para a xente normal. O noso reto é politizar o cotián para que a xente entenda o vital que é a política. Un cambio que teña en conta á xente de todos os días, para ser escoitados, para actuar segundo o que din e segundo o que necesitan. E o que pide a xente é acabar coas políticas que lles dan as costas, que cada mes os deixan un pouco máis apartados da posibilidade de ter un traballo, de ter unha casa, de ter o preciso. Apartados de levar unha vida digna. O noso propósito é garantirlles esa vida que outros lles quitaron. É noso reto. E non son só bos desexos de Aninovo.