Edifícil sintetizar nunhas liñas o que será o traballo dos Socialistas neste 2017, na terceira maioría absoluta de Feijoo tras oito anos cunha Galicia paralizada. Para que saia do letargo, no 2017 cómpre situar o noso país onde merece na negociación do financiamento autonómico. Debe ser o ano da mellora do noso autogoberno, da execución de transferencias, empezando pola da AP-9; o ano dos compromisos con datas para o AVE, o ano no que o goberno do Estado non cale as reclamacións de Galicia coa complicidade do seu presidente.
Cómpre xa sentarse a afrontar o terrible problema demográfico, traballar nun plan de emprego que reduza a precariedade e a temporalidade que afectan a todos, pero sobre todo, a mulleres e mozos; planificar o noso territorio con sentido común; nun compromiso co transporte público e contra o cambio climático. Cómpre xa que a industria, o naval, o mar, o agro e o monte, piares estratéxicos para Galicia, deixen o lastre dos seus sempiternos problemas estruturais, con medidas lexislativas de corrección.
Cómpre xa a recuperación duns servizos públicos de calidade para educación, sanidade e xustiza, o que só se pode conquerir mediante os orzamentos. Cómpre deixar o envoltorio e preocuparse polas persoas, cumprir a Lei de Dependencia e axilizar as axudas a persoas en exclusión social ou en risco de caer nela, cada vez máis. Cómpre que sexa o ano dun pacto contra a violencia machista. Cómpre que o galego deixe de ser elemento de confrontación e comece o ascenso no seu uso, para o que só é necesario o cumprimento da lei. Cómpre, en definitiva, diálogo e compromiso político, un ben escaso ata agora que será imprescindible en 2017.