Maternosofía para poder conciliar

GALICIA

17 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai unha lei maternosófica que debería ocupar a primeira páxina do Libro de Saúde da Embarazada que entregan no Sergas: cantos máis cartos, mellor se concilia. Ese é o motivo polo que boa parte das negociacións de convenios colectivos que se dan agora resolven o asunto cun intercambio perverso: en lugar de horas, recollen os aumentos de salario.

Conciliar, neste caso, non ten nada que ver co seu significado no dicionario «pór en harmonía». Conciliar é sinónimo de lograr, á fin do día, non ter abandonado os fillos. Conciliar é preguntarse por que o convenio de traballadoras das escolas infantís é dos menos conciliadores que hai. Conciliar é volver aos tempos das amas de cría.

Conciliar é sentirse culpábel por poder permitirse (a euro limpo) deixar as fillas na gardería para ir á perruquería. Conciliar é sinónimo de cabreo ao entender que Galicia só cumpre as ratios da OCDE porque ten un problema demográfico. Conciliar é preguntarse por que unha ten que ser pouco menos ca ionqui para entrar nalgunhas escolas infantís públicas. Conciliar é, en fin, entender que, desde que nacen, hai nenos que poden permitirse que os pais e nais concilien, e outros que non.

En todo isto hai unha lóxica que tamén debería figurar no libro de instrucións do Sergas: a máis recursos, menos culpa. Porque esta sociedade decidiu que as nais abnegadas son as que logran traballar e ter fillos, pero sendo máis nais ca traballadoras. E así proliferou a falacia antimaternosófica: o máis marabilloso é ser nai, máxima utilísima para excluír do mercado laboral ás que deciden abnegarse e deixar o sitio a homes, estatísticas e nulíparas. Ou sexa, nas casas nas que é imposíbel conciliar, a falacia crea monstros e infelices.