«Poñerei en marcha todos os mecanismos para poder traballar con todos»

La Voz

GALICIA

ALBERTO LÓPEZ

Elena Candia é a primeira muller en asumir a presidencia do PP en Lugo

07 mar 2016 . Actualizado a las 15:39 h.

Logo do resultado que aportaron as seis furnas colocadas na Facultade de Veterinaria, Elena Candia asume a presidencia do PP de Lugo. É a primeira muller en facelo, despois de presidir a Deputación durante tres meses. E apoios por parte da militancia non lle faltaron. De feito non agardaba ningunha sorpresa. «Ata nos debates dixitais gañaba. Así que... Sen ningún triunfalismo, pero a verdade é que a xente palpábao. E a xente votou»

-Logo do sucedido, ¿Vaille dar un posto a Raquel Arias na súa lista?

-Temos que falalo, quero traballar con todos, e cando digo con todos, refírome a todas as persoas que ían na súa candidatura e algúns dos alcaldes que formaban parte da mesma, xa me tenderon a man.

-¿Vai entón haber esa man tendida que non houbo ata o de agora?

-Si, claro. Dixen sempre que nunca escatimaría en esforzos e en adoptar decisións encamiñadas a reforzar a unidade deste partido. Entendía que ese debate, levado dentro da normalidade, non tiña por que alteralo e vou tentar demostralo.

-¿Ese pulso entre as dúas foi bo para o partido?

-Pasamos por un proceso moi enriquecedor para o partido e agora traballaremos todos xuntos; non vexo ningún tipo de problema para elo. Un dos compromisos principais que asumín foi a integración e o traballo conxunto das persoas que están no meu equipo e tamén na outra candidatura e incluso xente que estaba traballando ata o de agora. Temos unha máxima clara: a unidade e vou poñer en marcha todos os mecanismos para garantila, para traballar con todos.

-¿Que é a primeira cousa que vai facer hoxe para o partido?

-Empezarei cunha primeira reunión do equipo. Non se pode decaer, nin tampouco baixar o ritmo de traballo que tiñamos nos últimos tempos. Se cadra baixaremos a intensidade, pero temos que seguir con esa actitude que había na xente, nos militantes. Iso temos que tratar de que non se perda.