Milagros Otero: «Ningún goberno pode proporcionar todo o que os cidadáns precisan»

GALICIA

SANDRA ALONSO

Milagros Otero, Valedora do Pobo, cre que a corrupción é unha cuestión de educación da sociedade e que a mediación é vital

21 dic 2015 . Actualizado a las 07:27 h.

«O Valedor non son eu, eu son a valedora, pero o Valedor somos un conxunto de xente». Milagros Otero (Santiago de Compostela, 1960) leva tres meses no cargo e xa xestionou arredor de 21.000 queixas, o 60 % das que ten recibido este ano unha institución «que quero poñer ao galope».

-¿Son moitas?

-Son moitas, pero non agobia. Nós estamos para iso. A esta institución non lle agobia ter moitas queixas, o que me agobiaría máis sería non telas, dicir que non servimos para nada.

-¿Non sería a situación ideal?

-Sería irreal. A sociedade non pode ser perfecta, ningún goberno pode proporcionar aos cidadáns o que precisan ou queren. Ningunha situación económica é boa para que todos os cidadáns teñan o que queren. Non sería real unha sociedade que non tivera nada de que queixarse. Os problemas sempre os vai haber.

-¿De que nos queixamos os galegos?

-De moitas cousas. Creo que os galegos, en principio, somos xente que temos paciencia, pero como din os mexicanos, cando nos quitan o tapón... [ri]. Hai queixas de moitos tipos diferentes e de todas as áreas: de educación, de sanidade, de urbanismo...

-¿Non medrou ningún ámbito?

-Non. Puntualmente si. Por exemplo, cando foi o tema das preferentes houbo moitas queixas sobre iso, pero agora realmente hai queixas variadas, non temos detectado nestes tres últimos meses agás algunha que é colectiva.

- Chega vostede logo de que se puxera en entredito a institución.

-Cando entro nunha cousa, nesta institución ou calquera outra, son moi positiva, sempre miro cara a adiante. Esta institución non sobra, é precisa e necesaria e proba diso é a cantidade de galegos que fan uso dela. ¿Que algunhas persoas pensan que ao mellor non precisamos dela? Na época do pluralismo, na que estamos, é bo que a xente se manifeste e pense de maneira diferente. As diferentes opinións non me preocupan nunca, o malo sería unha sociedade unificada.

- Habendo Defensor del Pueblo, hai quen pode dicir que para que os autonómicos.

-O Defensor é unha figura que non ten que ver cos autonómicos. Hai algunhas cousas sobre as que non podemos decidir: impostos, policía, Estranxeiría... e enviámola ao Defensor, pero logo cada comunidade ten a súas peculiaridades, forma de ser, problemas concretos e forma de enfocalos. Pensar que o Defensor sería abondo para todas as comunidades sería un erro monumental.

-Defende a mediación.

-Estou absolutamente certa e aquí, nestes tres meses experimenteino moitísimo, de que na actualidade a xente non se escoita. Simplemente falan, pero o máis que consegues é que outro te permita falar pero non está escoitando. Ao final daste de conta de que a situación, se non se resolve, suavízase moito só con falar e escoitarse. Esa é a miña misión, tender pontes.

-¿Hai liñas vermellas?

-Si, claro. Non se pode pasar a liña se hai un problema de violencia, se unha das partes coacciona directa ou indirectamente a outra ou pode chegarse a un acordo claramente prexudicial.

-¿É produtivo acudir aos concellos e escoitar á xente?

-É interesantísimo. A xente debe ter unha visión da súa valedora próxima, que está ao seu carón. Nas dúas experiencias que tivemos, en Ourense e na Coruña, unha proporción dos problemas que alí se formularon quedaron resoltos ao día seguinte.

-Entón, ¿a Administración non escoita aos cidadáns ou os cidadáns non escoitan á Administración?

-Eu non xeneralizaría. Sempre, nunca, xamais, esas palabras absolutas cada vez me gustan menos. ¿A Administración non escoita ao cidadán? As veces escoita e outras non ¿O pobo non se queixa? Ás veces se queixa e outras non. Pero nesas veces que non é cando eu vou estar pendente para procurar que si.

-Di que é procuradora de xustiza. ¿Non está un pouco devaluada?

-A administración de xustiza pode ser que estea devaluada por dous problemas: a demora e a falta de transparencia. Non hai problemas de imparcialidade, ao mellor algún caso illado.

-Dende o inicio da crise moitos ven todo máis inxusto, e máis coa corrupción.

-Cando hai dificultades as persoas reséntense, con dereito. É lóxico que se queixen da corrupción, tolerancia cero a min quédame pequeno para isto, pero é unha cuestión de educación de toda a sociedade, porque se alguén paga unha obra na casa sen IVE e di sen el, non me fales de corrupción no goberno, tamén é corrupto.

«Calquera outra muller podería ter sido valedora antes ca min e con máis méritos»

Primeira muller decana de Dereito. Agora primeira valedora. ¿É vostede unha excepción?

-Debería ser unha persoa máis, porque o feito de que eu tivera acadado ese primeiro posto ten que ver cunha situación que tiña que vir resolta de moito antes, houbo moitas outras mulleres antes ca min que poderían ter sido as primeiras decanas, valedoras... Calquera institución pode ser dirixida por un home ou unha muller. Que eu teña sido a primeira é accidental, calquera outra muller podía telo sido antes ca min e posiblemente con moitos máis merecementos.

-Pero non o foi. ¿Ten que traballar o Valedor na igualdade?

-O Valedor ten unha función moi importante, que a defensa dos dereitos, de todos os dereitos e substancialmente das voces que se oen menos, das persoas que teñen menos voz, e dende logo nunha sociedade como a nosa durante moito tempo a voz da muller non se escoitou ou oíuse moi baixiño, e unha valedora é especialmente sensible a esa situación. Sempre me preocupou moito e agora máis, porque non teño só so a devoción, senón tamén a obriga de observar a sociedade, ver o que precisa e moitas veces adiantarme ao que a sociedade precisa.

-¿A que se ten adiantado?

- Preocúpame moito a educación en dereitos e tamén en deberes e responsabilidades. Moitos dos problemas que ten a sociedade son problemas que se poden resolver e evitar cunha educación axeitada e confío moito na xuventude, creo que non hai que deixala ir, hai que traballar con ela, amosarlle as consecuencias dos seus actos, como todo dereito trae aparellado sempre un deber e calquera liberdade ten aparellada unha responsabilidade. Non hai que traballar só cos nenos, que son o futuro, tamén cos mozos, porque non poden ser unha xeración perdida.