José Ramón Gómez Besteiro: «Temos que xerar confianza, e non pescar no descontento e o desastre»
GALICIA
Destaca a lixeira recuperación do PSdeG entre o electorado das cidades
01 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Non quedou satisfeito José Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967) cos resultados acadados polo PSdeG-PSOE nas eleccións europeas, nas que perdeu catorce puntos en relación ao 2009. Aínda así, sinala que se rexistrou un lixeiro repunte respecto ás autonómicas do 2012.
-¿Que foi o menos satisfactorio dos resultados?
-Dixen que non foron satisfactorios e é certo, pero tamén penso que non habería que comparar o resultado coas europeas do 2009 sen ter en conta o que pasou nestes cinco anos, que foi algo parecido ao efecto dunha guerra. Mirando ao 2009, os resultados foron malos, pero si se valora que foi a primeira consulta logo das autonómicas do 2012, vemos que hai un camiño que podemos andar para recuperar a confianza, porque ao PSOE sempre lle foi mellor recuperando confianza, como en 1982 ou no 2004, que recollendo no descontento.
-¿Pódese conformar una alternativa de Goberno cando só se ten o 20 % do electorado?
-Hai unha perspectiva que é a do voto urbano e vemos que de entre as forzas que están no Parlamento, a única que recupera espazo é o PSOE, e por iso está preocupado o PP. Non se trata de facer un discurso nas nubes, pero si de tomar en serio que a recuperación da confianza é posible.
-Pero AGE e Podemos tamén lle arrebataron moito terreo...
-Eu falei dunha tendencia produto da comparación. Podemos non existía nas autonómicas do 2012, e do resto das forzas, se miramos o ámbito urbano, permítame que insista, a única que sube con carácter xeral é o PSdeG, porque PP, AGE e BNG baixan; é un dato obxectivo.
-¿Como vai a responder o PSdeG ao avance de Podemos, facendo unha viraxe á esquerda?
-Do que se trata é de recuperar a confianza, nós temos que traballar nese terreo. A mensaxe do PSOE é para superar as desigualdades que aumentaron coa crise, unha mensaxe para a maioría social, para as clases medias que están máis empobrecidas, a xente que se sostén liquidando o seu patrimonio, os autónomos que pasan apuros, os avós que sosteñen a toda unha familia. Nós temos que traballar para xerar confianza, e non para pescar no descontento e o desastre.
-¿Canta factura lle pasaron os escándalos de corrupción?
-Todo o relacionado coa corrupción produce desafección e desconfianza, pero para min o importante é ter un criterio de actuación. O PSOE teno, púxoo enriba da mesa e ademais aplícao, apartando do partido a quen se afronte a medidas cautelares ou un xuízo oral. Fixémolo co alcalde de Pedrafita, que non será xulgado porque lle retiraron os cargos, e eu alégrome moitísimo; a cidadanía ten claro que o noso criterio aplicarémolo sempre.
-Sinala o CIS que para un de cada tres españois, o principal problema do país é a corrupción. ¿Iso que lle dí?
-Iso produce moito desacougo na sociedade, pero hai un problema máis serio que é o paro, hai seis millóns de parados, e hai unha situación paralela de marxinalidade enorme, problemas de fraude fiscal, das desigualdades que campan de novo.
-¿Ve como cada vez que mentamos a corrupción os políticos miran para outro lado e nin sequera a abordan nos debates?
-O PSOE non ten un problema con este asunto, porque temos un mecanismo de resposta, e outros partidos non. Probablemente non se poda evitar a corrupción, pero si podemos garantir que, ante determinadas situacións, actuamos, e outros non o fan.
-¿Cando se vai poñer as botas para preparar as municipais?
-Hai un horizonte que é maio do 2015, e tamén están as primarias nas principias agrupacións. Eu as botas xa as teño postas, pero isto é unha tarefa colectiva e penso que debemos optar por escoller os mellores candidatos de dentro pensando para fóra, para a sociedade. Só así acertaremos.
-¿Vai ser candidato de novo?
-Levo dous mandatos na Deputación, estiven dous no concello, non me obsesiona este tema.