Un único mundo

Fernando Suárez

GALICIA

16 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando as nenas e nenos xogaban na rúa e apareceron os primeiros vehículos, a sociedade non prohibiu a circulación dos coches, regulou os espazos e o tránsito de peóns e carros. Démoslles normas a uns e outros, formas de ser cívicos para convivir máis ou menos en harmonía. Hoxe, a sociedade en xeral ten unha gran dependencia das tecnoloxías e aínda máis os rapaces e nenos. É curioso escoitar as explicacións de moitos deles sobre o «mundo real» e o mundo da Internet e as redes sociais, ver como separan eses dous mundo que, por suposto, a meirande parte dos adultos estimamos que configuran un único mundo.

Motivos psicolóxicos ou sociolóxicos á parte dos porqués da separación desas dúas esferas vitais, desde o Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) consideramos que nais, pais e profesorado estamos na obriga de darlles aos máis novos ferramentas e coñecementos para comprender os riscos e perigos da Internet que, por suposto, non deben ensombrecer nunca as oportunidades que nos ofrece a Rede.

O CPEIG puxo o seu grao de area para conseguir ese reto coa posta en marcha, xunto coa Xunta de Galicia, do programa Navega con Rumbo polo Ciberespazo, http://www.edu.xunta.es/navegaconrumbo/, unha serie de charlas de especialistas do CPEIG e material divulgativo que percorre os centros de primaria e secundaria alertando aos estudantes, familias e profesorado sobre os riscos e perigos dun mal uso da navegación por Internet.

Temos que facerlles comprender aos rapaces que eses dous mundos que eles sinalan e diferencian non son máis ca un único mundo, o seu mundo, no que os comportamentos son intercambiables: insultar, aparecer espido, mentir a mantenta sobre alguén, ridiculizar, vexar?, son accións co mesmo valor e significado en calquera das facetas do seu mundo.

Fernando Suárez é Presidente do CPEIG.