Cando un problema é apremiante, o modelo capitalista convérteo en negocio, e iso foi o que chegamos a facer co lixo en Galicia. Un negocio lucrativo, pero contrario á prevención e ao sentido común e que se volve contra as persoas, contra toda a sociedade galega. O déficit de Sogama non está só na desaparición dunhas subvencións á electricidade que todos pagábamos, e improcedentes desde o punto de vista ambiental, senón tamén na redución da cantidade de lixo xerada nos últimos anos, consecuencia agora da crise económica e non das medidas de prevención, inexistentes no noso país. Ao reducirse fortemente os residuos que chegan a Sogama, redúcense tamén os seus ingresos, a non ser que se incremente o prezo da tonelada entrante. A cuestión era sabida: a incineración é un sistema que require cantidades constantes de residuos para funcionar, e por tanto incompatible coa prevención e a redución en orixe.
A solución non está en Sogama, que non pode facer outra cousa que queimar lixo e cobrar por facelo. E parece que tampouco na Xunta, que segue a alentar este negocio e a financiar o vertido e a incineración, mentres esquecen os novos mandatos legais, como a erradicación das bolsas de plástico e as obrigas de recollida separada e reciclaxe. Pero si está en toda a sociedade, nos concellos, e en cada un de nós. ¿A que temos que agardar para non seguir collendo bolsas de plástico nas tendas? ¿Para facer a separación axeitada dos residuos que permita a reciclaxe da súa maior parte? ¿Ou para esixir dos nosos gobernantes, comezando polos máis próximos, que melloren a recollida e a xestión do lixo e cumpran coas leis en vigor? Está nas nosas mans e nas dos concellos mandar menos lixo a queimar e destinar os recursos a crear emprego e protexer o medio.
Debemos considerar os residuos como recursos, imprescindibles para o futuro da humanidade a medio prazo, e xa hoxe útiles para unha economía máis sustentable. Por cada tonelada que vai a Sogama, a súa reciclaxe e compostaxe permitiría crear 10 veces máis emprego: ¡2.000 empregos novos en Galiza! ¿A que agardamos?