Unha perda de talento e experiencia

Francisco Cerviño

GALICIA

11 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Con esta decisión de non permitir que os profesionais sanitarios do sistema público de saúde prorroguen ata os 70 anos a súa idade de xubilación, estase a perder unha cantidade de coñecemento e experiencia moi notable. E, ademais de desprezar un importante talento, está empobrecéndose o propio sistema sanitario. A cuestión é, polo demais, sorprendente, porque faise exclusivamente por unha razón económica, xa que de cada dez xubilados só se substitúe a un, co cal pérdese non só capacidade intelectual, coñecemento e experiencia, senón tamén forza de traballo neta en termos brutos. E, ao non repoñer as prazas dos profesionais que se están a retirar, producirase un lóxico aumento das listas de espera, coa conseguinte caída da calidade asistencial de maneira global e a consecuente inequidade.

Hai outros factores que agravan esa redución da calidade asistencial. Eses profesionais que teñen a experiencia, o talento e o coñecemento son retirados do sistema de maneira brusca, como se fixo en Madrid, retirando de golpe a varios centos de xefes de servizo, algo que en Galicia non sucede, é certo, con tanta brusquedade. Pero a xubilación está a chegar agora aos fundadores do sistema sanitario público galego, os profesionais que lideraron a xerarquización dos grandes hospitais públicos galegos, e cando son retirados agrávase a mencionada perda de talento.

E, xa a modo anecdótico, hai que lembrar que para operar ao rei acaban de traer de Estados Unidos ao doutor Cabanela, un ilustre galego que ten 71 anos. O feito de que se recorrese a Cabanela -que nun principio non me parece mal aínda que hai ducias de ciruxanos en España capaces de realizar esta intervención- supón recoñecer a capacidade dos profesionais para desenvolver o seu traballo polo menos ata os 70 anos, como fan outros funcionarios, como xuíces, catedráticos, diplomáticos e outros.