Se un secuestro, maltrato, violación ou asasinato dun menor horroriza aos adultos, ¿como poden interpretalo os propios menores próximos á vítima?
A incredulidade e o desconcerto fanse patentes ante estes feitos, e sobre todo, o sentimento de desprotección e indefensión.
Nas mentes infantís e adolescentes, por mor da súa corta experiencia vital e falta de referentes, a noticia deste suceso provócalles un gran impacto emocional, sendo moi difícil comprender que alguén lles poida facer dano, pero moito máis se o causante pode ser un membro da súa propia familia. ¿Como te podes sentir seguro se quen te debe protexer é quen che causa o mal?
Para o alumnado dun centro educativo non hai maior desesperanza e desconcerto que atoparse con que a presenza dun compañeiro de clase desaparece para sempre. Sempre é unha palabra difícil para un neno ou un adolescente.
O afrontamento deste tipo de situacións require dunha atención axeitada e especial que axude á elaboración do dó entre os compañeiros, as amizades e todo o persoal do centro educativo, encargados de fornecer canles de expresión da súa rabia e dor, facilitando a manifestación de dúbidas, temores, sentimentos, emocións...
Outro aspecto a ter en conta é a responsabilidade de informar ao alumnado do sucedido de forma clara, sen caer en xuízos paralelos, respondendo as súas dúbidas e inquedanzas, pero, ao mesmo tempo, protexéndoos do exceso de información.
Os centros escolares, nestes casos, deben propiciar actividades e opcións que faciliten o proceso de dó, tendo en conta a participación, achegas e colaboración do propio alumnado.
Asemade, é conveniente ter en conta a «excepcionalidade» destas situacións, que adoitan ser producidas por persoas con graves problemas e complexa personalidade.
En xeral podemos previr dos perigos aos menores pero non podemos evitar que os sufran. Na nosa man está acompañar na dor, axudar a asumila e retomar a normalidade da vida cotiá.
Olegaria Mosqueda é psicóloga e orientadora especialista en apoio psicopedagóxico e orientación educativa. Conxita López Martín é psicóloga, terapeuta familiar e mestra. Son membros do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.