José Luis Baltar:«Antes de que mo pidan, voume»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE / LA VOZ

GALICIA

«Neste momento o señor Baltar non ten nada que ver co PP»

11 ene 2013 . Actualizado a las 19:14 h.

Xa está a preparar o caso xunto ao seu amigo, o veterano avogado Emilio Atrio. José Luis Baltar Pumar (Esgos, 1940) defenderase desde fóra do PP.

-¿Por que marcha do partido?

-Estando suxeito a un proceso xudicial, entendo que para non prexudicar á miña formación política. Pedín a baixa temporal mentres dura o proceso para poderme defender sen que ninguén teña que dicir que son un membro do PP. Unha vez que termine o proceso xudicial se efectivamente, como eu espero, saio absolto, volverei solicitar a alta de novo no partido.

-¿Pedíronlle o seu fillo ou Feijoo que o fixera?

-A min non mo pediu absolutamente ninguén. Eu tomei esta decisión por se acaso había alguén que mo pedía. Entón antes de que mo pidan, voume eu.

-Entón, ¿temía un expediente disciplinario?

-Temer non, pero como podía haber quen dixera: «Oiga, que este señor é militante do PP» [sic]. Pois non, este é un proceso xudicial a un señor que neste momento causou baixa no partido. Polo tanto, neste momento o señor Baltar non ten nada que ver co Partido Popular.

-¿Sabe xa cando ten que ir declarar?

-Aínda non me notificaron nada. Nin sequera teño copia da querela ata agora. Aínda non ma entregaron.

-¿E como vai plantexar a súa defensa?

-Non o sei. Primeiro haberá que ver o que di a querela e unha vez que o teñan estudado farase a liña argumental que corresponda, pero como podes entender, sen ler a querela... O único que sei é pola prensa e sen saber oficialmente o que é non podemos argumentar absolutamente nada.

-Ponse en cuestión a legalidade de 104 contratacións. ¿Como seleccionaba a esa xente?

-Oíches, eu non quero facer declaracións sobre ese tema. Xa está, ¿vale?