O próximo domingo, 13 de maio, o BNG celebrará en Compostela unha convención que servirá como pistoletazo de saída para as autonómicas e que suporá o lanzamento de Jorquera como candidato nacionalista á presidencia da Xunta.
-Se se cumpre a previsión do BNG de que o PP pode perder, quedaría de manifesto que esta crise devora Gobernos. Nesa lóxica, igual saen da Xunta outra vez en poucos anos...
-O Bloque nunca foi unha forza covarde. Cumprimos os nosos compromisos e asumimos as nosas responsabilidades. Nun contexto onde a crise provoca un drama social, cun empobrecemento de amplas capas da sociedade, é máis importante que nunca que haxa partidos que atenden esas prioridades.
-¿Que relación teñen agora co PSdeG de Pachi Vázquez para poder chegar a pactos?
-A normal entre dúas forzas que representan proxectos distintos. Hai unha interlocución fluída. En política é importante distinguir os tempos. Cada forza ten que explicitar as súas propostas e lograr o apoio social. Será o pobo galego quen decida se lle da respaldo a un só partido ou aposta por un escenario que esixa o entendemento de varias forzas.
-¿Non cre que parte da sociedade debería visualizar antes das eleccións que esa alternativa lle merece unha confianza, que é posible a alianza?
-Claro que é posible ese pacto. Sábeo a sociedade. Hai exemplos de acordos noutras institucións. No caso de que teñamos que chegar a acordos falaríamos dunhas prioridades básicas na acción de goberno. E por suposto aprendendo das experiencias e corrixindo erros.
-Vostede, ademais de candidato, é militante da Unión do Povo Galego (UPG), que vai celebrar en xuño un congreso no que podería relevar a Francisco Rodríguez. ¿Como afronta esa cita?
-Eu son respectuoso con tódolos procesos internos de forzas integradas no Bloque, pero ante todo son o candidato de tódolos militantes da fronte. Así que, publicamente, eu represento xa ao conxunto do BNG, e non vou facer xuízos sobre colectivos ou partidos integrados na organización e que me merecen o pleno respecto.