A rexeneración das fragas do Eume

Francisco Díaz-Fierros

GALICIA

As fragas son o resultado dun proceso natural de adaptación ás condicións do medio. Polo que, para a súa rexeneración despois da desfeita que xenerou o paso do lume, o mellor sería deixar que ese proceso de adaptación volvera a producirse en condicións semellantes ás que se formou. Cos mesmos ritmos e cadencias. Primeiro, as herbáceas e o mato; despois, as árbores. E todo cuns tempos de evolución que probablemente precisen de varias decenas de anos para acadar o resultado final. De todas maneiras, para que este proceso de restitución percorra os camiños que deron orixe á fraga é necesario que, inicialmente, o clima e o solo non experimenten grandes cambios para que as interaccións coa vexetación sexan máis ou menos semellantes ás orixinais. O clima, como é xa evidente, está a mudar e, con toda seguridade, a nova fraga terá que adaptarse a unhas condicións microclimáticas diferentes, o que non debería ser un problema maior en relación co novo ecosistema que se formaría, que podería variar con relación ao actual, pero seguiría a ser o resultado dun proceso natural. Máis problemático podería ser o caso do solo que, como todos tememos, podería perderse en cantidades importantes por erosión e deixar amplas zonas ermas e desertizadas. Neste caso serían convintes intervencións preventivas. Todo o respectuosas que se queira co ecosistema, pero eficaces no canto ao control da erosión. Outro problema podería xurdir das masas de vexetación pirofítica que rodean as fragas e, mesmo, as penetran e fragmentan en máis puntos dos desexados. O lume podería ser un valioso aliado que lles dea ventaxas competitivas e rematen por roubarlle espazo e territorio ás especies da fraga. Neste caso habería tamén que estudar medidas de control e retirada desta perigosa vegetación. Non habería que esquecer que co o aumento das secas, que o cambio climático semella que está a favorecer, a fraxilidade de todo o ecosistema diante do lume, estaría a medrar. O que conlevaría que as medidas de prevención e vixilancia diante deste risco deberían tamén incrementarse dun xeito substancial.