«No Bloque hai sitio para todo o mundo»

m. b. santiago / la voz

GALICIA

«Feijoo fracasou rotundamente en toda a súa actuación de goberno», asegura

09 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Ana Pontón vén de asumir o reto de ser a cabeza visible do BNG na Cámara, co que terá que enfrontarse aos líderes do PP e do PSOE.

-¿Agardaba vostede este nomeamento?

-A verdade é que non. Eu e toda a executiva do BNG queríamos que seguira Carlos Aymerich.

-¿Que estratexia de oposición vai seguir como nova portavoz?

-O BNG aprobou unhas teses na última asemblea. Cunhas alternativas que son a guía do que temos que facer no Parlamento. Hai unha fonda preocupación coa perda do sector financeiro, coa situación do naval, co desemprego. O agro, a pesca, o téxtil. Da igual onde miremos. A crise está arrasando coa nosa capacidade produtiva. E ese vai ser un dos eixos no que imos traballar, xunto cos recortes e a privatización dos servizos públicos.

-Rematando a lexislatura o seu balance non pode ser máis desalentador...

-Feijoo fracasou rotundamente en toda a súa actuación de goberno. Non puido poñer en marcha nin unha soa iniciativa que supuxera unha mellora na vida dos galegos. Todo foi a peor. Cun deterioro dos servizos públicos e cun paro que pon aos galegos nunha situación límite.

-O Encontro Irmandiño debaterá o domingo sobre a súa continuidade no BNG...

-Nós temos que respectar os procesos internos das correntes, pero sigo crendo que o BNG é un proxecto imprescindíbel, se cadra máis necesario ca nunca coa actual situación económica. A contribución que temos que facer é que poidamos superar as nosas diferenzas e traballar pola cohesión e pola integración.

-Jorquera dixo antonte que en Galicia non había espazo para dúas forzas nacionalistas...

-O proceso de unidade do nacionalismo foi un grande acerto e unha das claves que explicou o seu ascenso electoral. E creo que esa é a dirección a seguir.

-Semella que un escenario de ruptura é inevitable. Os «irmandiños» pensan que non teñen sitio no Bloque...

-No BNG hai sitio para todo o mundo. O meu desexo é que o BNG sexa a casa común do nacionalismo e que temos que traballar por que todo o mundo se sinta cómodo e teña o seu espazo. Hai unhas teses políticas e unha organización plural que reflicte a viveza e diversidade de visións que existen na fronte. Hai vontade porque as diferenzas se superen e porque todos e todas sigamos traballando polo BNG, a alternativa real neste país.

ana pontón portavoz parlamentaria do bloque nacionalista galego