«Eu non son dos do non, son dos do si»

mariluz ferreiro REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Carga contra as medidas tomadas na crise e critica «un modelo territorial do século XIX»

25 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Miguel Anxo Fernández Lores asómase ao balcón. A xente pasea pola rúa. «Cando eu entrei no Concello esta era una vía de dobre circulación», presume o alcalde de Pontevedra (BNG). Terra conquistada para o pé.

-O único nacionalista que goberna nunha das sete grandes cidades. ¿É un bicho raro?

-Non, para nada. Considérome raro no sentido de que temos moi claro o modelo de cidade. Iso é unha decisión política e que a veces é difícil de entender. Pero a xente en canto ve como funciona quéreo.

-Será xa un experto en gobernar en coalición.

-A verdade é que repensar as cousas, negocialas e darlle unhas voltas nunha coalición non é malo. Se tivera a maioría absoluta habería cousas que tería feito, pero igual me tería arrepentido dalgunha.

-Gobernou en tempos de vacas gordas e agora tócalle en tempos de crise.

-Si. Eu podo facer unha rúa máis ou outra casa de cultura, pero iso é pataca minuta, que diría Caneda, en comparación coa situación límite dos cidadáns. Cambian a Constitución para garantir os ingresos dos accionistas dos bancos. As Administracións tiñamos que pagar primeiro aos funcionarios, despois sentenzas pendentes e despois débedas cos provedores e cos bancos. Agora o primeiro son os bancos. As clases populares págano todo. E os concellos fan o que poden ou máis do que poden. O outro día nós levamos este debate ao pleno.

-¿Que dixeron os concelleiros dos outros partidos?

-Dicíanme que de que falaba. Pero non podemos quedar así. Aquí pagámoslles aos prestamistas e non atendemos aos enfermiños ou ás nosas empresas.

-¿Como están as arcas do Concello de Pontevedra?

-Cerramos o 2010 con superávit. Sempre tivemos unha previsión de ingresos, con marxe, inferior aos que se producían despois. Así se viñan malas tiñamos un peto. E viñeron malas, moi malas.

-¿Tan malas como din algúns novos alcaldes?

-A situación económica está apurada. Pero outra cousa é arrimar a brasa á sardiña; dicir que a culpa é dos anteriores é demagoxia. Nós non temos facturas no caixón, todas entran polo rexistro. O gracioso é que os concellos que goberna o PP están na mesma situación que os outros. Coma o Concello de Madrid, cunha débeda do 200 %. ¡Anda que non terá facturas Gallardón!

-Dou prioridade máxima aos peóns no centro histórico. Algúns condutores protestan.

-Eliminamos o tráfico privado no centro da cidade, é a única solución. Aquí ves carros de nenos a punta pala e xente en cadeira de rodas. Non é que haxa máis nenos e minusválidos en Pontevedra, é que viven na rúa tranquilamente. Non hai espazo nas cidades para meter os vehículos que pretendemos. Punto. E non temos problemas de tráfico, outra cousa é déficit histórico no investimento en redes viarias. Somos o único gran concello de Galicia sen vía de catro carrís libre de peaxe. Xa nos gustaría ter licitada a circunvalación de Pontevedra.

-Outro dos seus cabalos de batalla é Ence.

-Nunca se debeu instalar aí. O aproveitamento que pode ter esa zona para o turismo e para o sector primario é moito maior que o desta empresa altamente contaminante. Eu respecto a posición dos traballadores, sobre todo nestes tempos de crise. Pero a produción pódese facer noutro sitio e ría de Pontevedra só hai unha. Eu non quero botar Ence, eu quero recuperar a ría. Gustaríame que esta zona fora a gran praia de Pontevedra.

-¿Como é a relación coas outras cidades Galicia?

-Xa foi mellor. Eu tiña boa relación con Vigo cando estaba Pérez Castrillón. Agora temos enfoques distintos e a relación é mellorable. O que é bo para Vigo é bo para nós. Deberíamos complementarnos, non ten sentido que non esteamos na mesma área metropolitana. Pero tal e como funcionan as áreas metropolitanas non teñen moito sentido... Seguimos cun modelo territorial do século XIX, creamos unha Xunta pero sen eliminar as deputacións.

miguel anxo fernández lores alcalde de pontevedra