«Como está, o Senado non ten máis remedio que desaparecer», sentencia
28 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Ao longo de tres décadas, foino case todo en política: xefe de media ducia de consellerías, senador, deputado galego, voceiro parlamentario... Sen cancelas, Víctor Manuel Vázquez Portomeñe fala hoxe de todo aquilo, do presente e máis do futuro.
-Ademais de preautonómico, vostede foi conselleiro de ata cinco cousas: Educación, Cultura, Asuntos Parlamentarios, Relacións Institucionais e Cultura e Educación. ¿Con cal queda?
-Con Educación, porque aí logrei a escolarización plena de Galicia por primeira vez na súa historia, contratando a nada menos que 7.500 profesores en tres anos, abrindo 152 centros educativos e poñendo a circular polas estradas do país -calzadas lamentables en ocasións- máis de 2.000 autobuses con alumnos. É unha realización persoal da que me sinto enormemente satisfeito, aínda que nunca a publicitei o suficiente. Pasamos de estar 20 puntos por debaixo da media de España a superala.
-¿A cultura e a educación, pola súa experiencia, gobérnanse mellor xuntas ou por separado?
-De corazón, creo que xuntas porque forman un todo. Comprendo que os homes da cultura sintan o afán de contar cun departamento específico que atenda o desenvolvemento cultural deste país, pero é que a maior forma de culturización dun país é o seu sistema educativo. Separar Cultura de Educación paréceme absolutamente errado, especialmente nunha etapa de crise como esta.
-Fraga chegou a ter ata 15 conselleiros, un 50 % máis que Feijoo. ¿Eran demasiados daquela ou son poucos agora?
-Os que ten Feijoo son aproximadamente os necesarios e eses 15 que tivo Fraga eran notoriamente excesivos. Creo que a miña etapa de maior rendemento na Xunta coincidiu nun momento no que, en tempos de Albor, estabamos construíndo a autonomía e eramos só nove conselleiros, suficientes.
-Logo vostede reduciría aínda un chisco máis a actual estrutura de departamentos...
-¿Por que non? Se noutras etapas nas que militabamos na normalidade económica eramos menos, ¿por que imos ser máis hoxe, que militamos na miseria, na total indixencia? É absolutamente aplicable a fábula da cigarra e da formiga: aquí fomos cigarra demasiado tempo sen reparar en que debiamos portarnos como formiga, e hoxe estamos pagando as consecuencias de aquilo, sufrindo un inverno económico terrible. Toda redución, todo aforro que se faga de estamentos administrativos, aplaudireina sempre. E nisto Feijoo foi pioneiro.
-¿Que opina sobre unha posible fusión dos concellos galegos alguén que comezou a súa carreira como secretario da Administración local?
-A fusión de concellos é un imperativo categórico, algo absolutamente indebatible para calquera político normal, agás demagogos que non merecen o título de tal. En Galicia sobran, probablemente, dous terzos dos concellos, é dicir, 200. E no resto de España hai que suprimir aproximadamente o 75 % dos [8.116] que hai. ¿Que gañariamos con isto? Operatividade, orzamento, capacidade de acción. ¿E que perderiamos? Nada en absoluto. Os sentimentalismos de querer conservar concellos equivalen en moitas ocasións a dilapidacións que conducen á privación de servizos esenciais. E así hai que explicárllelo aos veciños.
-O Senado débeo coñecer ben tamén porque estivo alí dez anos. ¿Para que serve?
-O Senado serviría para moitas cousas se se tivera desenvolvido conforme é debido. O certo é que, tal como está, non é un elemento valioso. Había que facer como cos concellos: sobra. Ora ben, se se quere converter nunha verdadeira Cámara territorial, se puidera servir como lugar de diálogo das distintas autonomías, o cal sería unha vía máis racional e democrática que a que agora se pretende: o regreso ao estatalismo, a devolución de competencias. Pero se os partidos políticos non teñen a valentía para facer iso, para reformalo conforme aos principios da Constitución, o Senado non ten máis remedio que desaparecer.
víctor manuel vázquez portomeñe exconselleiro e senador no período 1998-2008
«É absolutamente errado, máxime en etapa de crise, separar Cultura de Educación»
«O número de conselleiros que tiña Fraga era notoriamente excesivo»