O arquiveiro da Academia, Xosé Luís Axeitos, anunciara que o informe da institución sería «ponderado e argumentado». Onte Axeitos insistiu en que é o «sentido común» o que inspira as críticas a unhas bases que conducirían a un decreto «inviable». Fronte a isto, a institución propón diálogo e consenso para afastar a lingua da confrontación partidaria «na que nunca debeu entrar».
-Sinalan o Plan Xeral como punto de partida para acadar ese consenso.
-A proposta concreta da Academia é esa: sacar a cuestión do idioma dunha confrontación partidista na que nunca debeu entrar. Hai que desandar o camiño da confrontación e volver ao último punto de consenso, a aprobación por unanimidade do Plan Xeral de Normalización no 2004.
-¿Pode deducirse desa proposta de regreso que o decreto do 2007 non foi axeitado?
-Sobre ese decreto non se pediu a nosa opinión, xa que esta é a primeira vez que o fai a Xunta, algo que vemos positivo. Alegouse que houbo críticas a ese decreto polo Consello Consultivo e iso pode entenderse como manifestación de disenso. É importante acadar o consenso e por iso pensamos que é conveniente partir dunha situación de unanimidade, pero non se entra a valorar o decreto do bipartito.
-Nas conclusións apúntase que o idioma tamén é unha das razóns de ser da autonomía e da Xunta.
-A Xunta non é un Goberno interposto, senón que o sentimos como noso, e iso é porque temos unha lingua propia. Falamos da lingua propia do país, algo que nas bases se aborda cunha frialdade tremenda. O noso informe está moi argumentado xuridicamente, pero é que tamén por cuestións pedagóxicas o decreto é totalmente inviable e insostible.
-Avogan por baixar a tensión, pero para o xoves hai convocada unha folga.
-Nós non entramos a valorala. A nosa misión como institución non é convocar folgas, aínda que é posible que asistan algúns académicos a título persoal.