No seu segundo aniversario, o colectivo cre «insostible» que a Xunta avogue pola austeridade e manteña a Cidade da Cultura
25 ago 2009 . Actualizado a las 02:11 h.Constituída hai agora dous anos, a plataforma cívica Cultura Si, Mausoleo Non continúa hoxe, coma onte, a defender a conversión en algo «útil» do macrocomplexo que a Xunta constrúe sobre o monte Gaiás, ás aforas de Santiago, dende febreiro do 2001. O seu voceiro, Xan Carlos Ansia, esixe ao novo Executivo que rectifique xa.
-Vai para 23 meses que un xulgado de Santiago, a raíz dunha denuncia presentada polo seu colectivo, investiga irregularidades no Gaiás. ¿Están satisfeitos co labor da Xustiza?
-Non moito, a verdade. A causa vai moi lenta e mesmo semella parada. Pensamos que xa debería haber algo máis concreto.
-¿O que, exactamente?
-Non condenas, pero si encausamentos con nomes e apelidos. Cremos que o asunto ten a suficiente entidade como para derivar nun xuízo que conclúa con sentenzas por prevaricación.
-Transcorridos os cen días de cortesía, ¿como valoran a política do novo Goberno galego a respecto do Gaiás?
-Este Goberno non é novo, é continuista, o mesmo que cometeu o pecado orixinal. O bipartito fíxose cómplice de el a posteriori, pero Feijoo é coautor.
-¿Que lle piden, entón?
-Algo que xeraría un gasto mínimo: redefinir os usos dos edificios, porque agora xa están aí e non imos tirar con eles. Pedimos que se poidan visitar por fóra, como atractivo arquitectónico, pero que sexan reorientados no seu interior para acoller todas as oficinas de aluguer da Xunta que anualmente custan 11 millóns aos cidadáns ou ben como sede de servizos sociais: garderías, centros de día, residencias... Poñamos en valor os equipamentos culturais que xa tiñamos, invistamos aí, pero non nese inxustificable Gaiás.
-¿E de verdade confían en ser escoitados? Ata o de agora...
-Claro que si. Nalgún momento alguén con responsabilidade se decatará de que o que nós defendemos é a única saída, como no seu día alguén se decatou de que o Hostal dos Reis Católicos non podía seguir sendo un hospital para peregrinos, senón un hotel, ou de que o pazo do Hórreo non podía seguir sendo cuartel do Exército, senón o Parlamento. A ver se cae na conta tamén o alcalde de Santiago, Sánchez Bugallo, e deixa de defender o indefendible para mirar polo que a cidade precisa.
-Pois, á vista do proxecto de urbanización do Gaiás que vén de licitar, o Executivo non leva moitas trazas de ir por aí.
-Pois deberá cambiar. Porque é totalmente insostible facer bandeira da austeridade, conxelar os salarios dos funcionarios, acabar coas peonadas no Sergas, pechar escolas... e poñer no monte baldosas de mil euros. O dos traxes de Camps é unha parvada comparado co do Gaiás.