Rogelio Martínez foi o alcalde máis novo de España nas primeiras eleccións democráticas. Empezou como rexedor de A Arnoia con 22 anos e segue no cargo con 52. Os cambios nas entidades locais tres decenios despois son moitos e para mellor, asegura.
-¿Como recorda os primeiros pasos da democracia nos concellos?
-Foi unha gran novidade. Os concellos estaban nunha situación moi precaria e as corporacións habidas ata aquel momento non tiñan nada que ver coas de despois. No meu caso, que un rapaz puidera ser alcalde cando a maioría eran persoas maiores, de certa relevancia, xa foi todo un cambio.
-¿Cambiou moito a forma de levar as campañas electorais respecto á de 1979?
-Aquela primeira campaña foi moi dura porque estaba nun partido moi minoritario, Alianza Popular, e que era considerado como de carcas. A forza a tiñan UCD, PSOE e incluso o PC, e nós ao final tiñamos que loitar contra todos, incluída a Deputación e o gobernador civil, que seguía mandando e tiña tamén a súa influencia. Había moita cartelería e megafonía e recordo certo enfrontamento dentro do pobo que visto agora considero que non era nada cómodo. Agora vexo diferenzas no sentido de que todos tiñamos moito que aprender de democracia no ano 1979 e melloramos moito.
-Tamén o seu partido evolucionou...
-Naquel momento, e creo que pasou en todos os partidos, a militancia era mínima. Non había afiliados e recordo que tras as eleccións eramos vinte alcaldes do PP en Ourense e debían de pasar 18 dos sesenta anos. O partido abriuse enormemente e non ten nada que ver con aquela Alianza Popular ou Coalición Democrática.
-¿Está satisfeito coa evolución do municipalismo?
-Evolucionou moitísimo pero non estou contento. Sempre se falou dun reparto de 50 para o Estado e 25 para as autonomías e para os concellos pero nós quedámonos entre o 12 e o 13 e sen embargo si aumentaron as competencias. O alcalde o que non lle compete incúmbelle e ten que resolver os problemas que lle formulan os veciños. O alcalde é alcalde, xuíz e case cura.
-¿Con qué medios contaban os concellos en 1979?
-O presuposto chegaba para pagar ao secretario e ao oficial do concello e ás veces había que esperar uns meses para cobrar. Aínda que algúns concellos están pasándoo mal agora, todo mellorou. Antes, os alcaldes e concelleiros facíamos zanxas, as actas eran a man e había só unha máquina de escribir.