O dirixente nacionalista amósase especialmente duro co Valedor do Pobo -as súas apreciacións xeraron esta semana unha agre polémica entre as forzas políticas- e reitérase en pedir que sexa «retirado da circulación».
-Se os cargos institucionais se desempeñan con tan pouca prudencia, hai críticas. E o historial deste home é terrible, porque fai aseveracións que meten medo nun valedor. En Galicia temos un marco xurídico e administrativo que el ten que defender, e non valen interpretacións da súa colleita ideolóxica.
-O BNG vivía mellor cos valedores do fraguismo.
-Si, porque non se metían no debate político de maneira obscena, obviando os dereitos que se violan.
-¿Foi un erro votalo no Parlamento?
-Foi unha proposta do PSOE da que non tiñamos unha información real. Á luz dos feitos, coido que foi un erro votar a favor, pero daquela non sabiamos que era un inepto.
-Defíname brevemente que é para vostede a UPG.
-Un esforzo de gran parte da miña vida. Moi emotivo.
-¿E o Bloque?
-Un gran proxecto de unidade do nacionalismo.
-¿Galicia-Bilingüe?
-É un combinatorio de agresión colonialista con doses de hipocrisía e cinismo.
-¿Alfredo Suárez Canal?
-É o rapaz que en 1972 agardaba debaixo dun plataneiro a que lle leváramos os panfletos, e que agora encara unha problemática moi complexa deste país.
-¿Ánxela Bugallo?
-Penso na moza de vinte anos que militaba en ERGA.
-¿Rosalía de Castro?
-Incomprendida aínda agora. Fonte inspiradora en todos os aspectos.
-¿E España?
-...
-¿Que?
-...
-¿Non ten opinión?
-Eu son galego.