O responsable da loita contra os lumes destaca que anos con máis choivas que o actual houbo unha media de 13.300 hectáreas queimadas, fronte ás 2.800 actuais
09 oct 2007 . Actualizado a las 03:04 h.Alfredo Suárez Canal (Allariz, 1951) ten superada a análise conxuntural dunha campaña de incendios. A súa meta non é outra que a transformación radical do monte galego, ordenándoo e valorizándoo, para que, a sete ou oito anos vista, sexa fonte de riqueza e os lumes intencionados teñan unha presenza testemuñal. Por iso non fai triunfalismo dos resultados deste ano, no que levan ardidas 2.859 hectáreas, o 90% menos que nos dez anos anteriores, excluíndo o tráxico 2006. O conselleiro de Medio Rural sitúa no seu xusto punto o factor climático con datos dos anos 2003, 2001 e 1999, de pluviometría acumulada superior ao actual e nos que se rexistrou, tamén nos nove primeiros meses, unha media de 13.300 hectáreas de superficie queimada.
-Dende o punto de vista do dispositivo contraincendios, este ano foi o do cambio. ¿Hai cousas que mellorar?
-Moito. É o primeiro ano de moitas cousas que estamos poñendo en marcha: a lei está operativa dende marzo, os mecanismos de prevención e a colaboración cos concellos, o fortalecemento do mando único... Estamos obrigados a facer unha análise rigorosa de todo o operativo e detectar as cousas mellorables, que con seguridade serán moitísimas.
-Vostede destacou a implicación da sociedade. ¿É a lección do tráxico agosto do 2006?
-Iso serviu para que houbera unha conciencia colectiva do que poden producir os incendios. Nós implementamos unha importante participación social na defensa do monte e a resposta das comunidades de montes, dos propietarios, dos veciños e do voluntariado foi moi positiva.
-¿Vaise manter a tensión que mobilizou este dispositivo sen precedentes?
-O dispositivo contraincendios funciona todo o ano e ten un reforzo moi importante nas épocas de máis perigo polas circunstancias climáticas. Estamos empeñados nun traballo que este ano comezou a visualizarse, que é a valorización do monte, e nesa dirección imos continuar, e dunha forma cada vez máis intensa, porque é o antídoto fundamental para que a longo prazo os incendios teñan unha presenza meramente accidental, anecdótica e debida a causas naturais ou a neglixencias puntuais. Nos próximos anos debemos manter o dispositivo en cifras similares ás actuais. Temos claro que os incendios non se acaban da noite para a mañá, por moi bos resultados que poida haber un ano, e que tamén teñen unha compoñente importante da variable climática.
-Variable climática que vostedes interpretan segundo lles convén. Agosto do 2006 foi excepcional e este verán a humidade, normal.
-Nós fixemos unha valoración totalmente proporcionada o ano pasado e este. No 2006 foron circunstancias excepcionais: doce días con temperaturas superiores a 30 graos, con vento de máis de 30 quilómetros por hora, con menos de dúas horas encalmadas pola noite e humidade relativa do aire de menos do 30% moitos días seguidos; pero non foi o único factor. Este ano, dicimos que o clima foi un factor importante para que se reducira o número de incendios, pero non o único. Febreiro e xuño foron dous meses excepcionalmente chuviosos respecto da media dos dez últimos anos, e en xullo foi superior, pero non moi superior, e iso foi determinante nos resultados deses meses e de toda a campaña. No resto do ano a pluviosidade foi moi inferior á media e setembro, excepcionalmente seco.
-Polo tanto, hai que singularizar a análise de setembro.
-Si, para facer unha foto da realidade. Con choiva moi inferior e temperaturas no entorno da media, e moitísima biomasa acumulada pola humidade de xuño e xullo, ardeu menos da cuarta parte da superficie que ardeu nos cinco ou seis últimos anos.
-Os incendios nocturnos en setembro falan ás claras de intencionalidade. ¿Tamén de sospeitas de tramas?
-De man intencionada, sen dúbida. Falar de tramas, non tramas e cal é a tipoloxía delituosa llo debemos deixar aos fiscais, os xuíces e ás forzas e corpos de seguridade do Estado. Agora, non debemos agachar unha realidade que volve aparecer cunha contundencia impresionante: entre o 60 e 70% dos incendios son intencionados.
-¿Está satisfeito dos resultados das investigacións?
-Sempre poderíamos aspirar a máis. Dende que nós chegamos ao Goberno as cifras da persecución aos delincuentes se teñen incrementado significativamente, e este ano de forma moi explícita. Hai espazo para mellorar a lexislación, para dotar de mellores medios ás forzas e corpos de seguridade.
-¿Son necesarias reformas legais?
-Non creo que o camiño sexa incrementar as penas, que xa poden ser moi relevantes se hai as probas que incriminen aos incendiarios. Creo que debemos traballar na colaboración da sociedade, fundamental á hora de proporcionar probas determinantes.