«Durmo moi mal fóra da casa»

Firma: Nacho Mirás, nacho.miras@lavoz.es

GALICIA

Atleta nunha consellería que é unha carreira de fondo, vén dunha familia onde se practica a liberdade de pensamento

23 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O lume no monte é un pesadelo para calquera, pero para el máis. Alfredo Suárez Canal (Allariz, 1951), conselleiro do BNG, cre que chegará o día en que Galicia non arda. -O de Alfredo igual é unha herdanza dun avó... -O meu avó por parte de nai, que era labrego e gandeiro, foi emigrante e ía á sega a Castela. El era Alfredo. -Directamente, e como estamos en tempada: ¿Quen queima o monte? -¡Puf! Moita xente, por desgraza. O ano pasado, máis de nove mil persoas. Aínda que hai unha causalidade moi diversa, poderíamos dicir que o responsable máximo da queima dos montes é o abandono, o señor abandono. -Desde que é conselleiro, ¿só son bos días se chove? -Hai de todo. Cando chove é unha tranquilidade, pero tamén porque o campo precisa auga. Hai bos días noutros momentos tamén, cando se poden ir verificando as cousas que pos en marcha. Segundo pase o tempo haberá máis bos días. Agora estamos na fase de poñer primeiras pedras. -Hai vinte anos xa cantaban Os Resentidos iso de «Arde Galicia, con lume forestal...» E segue a arder... -E seguirá por algún tempo pero, dende logo, nese, como noutros temas, o equipo da consellería ten claro que non nos serve a mesma rutina. A esa canción imos tentar cambiarlle a letra. -A xente que o coñece di que o ano pasado sufriu moito cos incendios forestais... -Un responsable que non o pasa mal cos incendios sería un... -¿Irresponsable? -Un insensible. Os incendios empobrecen, significan miseria, morte da biodiversidade. -Din que ao seu coche oficial lle chaman O Castromil. Vai de Ourense a Santiago recollendo xente... -Veñen persoas do gabinete e, efectivamente, é unha das avantaxes de ter chofer, que se pode traballar no coche sen que te multen. -E tamén se fala de que é o que apaga a luz na Xunta cando marcha, o último en saír... -Veño dunha organización onde algúns interpretamos o traballo como un esforzo colectivo de dedicación a un proxecto, a unhas ideas. Cando chegas a un posto destas características hai traballo para non parar todos os días. -A familia sae perdendo... -A familia lévao como pode. As miñas fillas están fóra, e a miña compañeira é a que sofre máis esa mecánica. Pero digamos que o leva ben. -¿Non lle tenta cambiar a súa residencia de Ourense a Santiago? Todo o día dun sito ao outro... -É complicado. Son persoa da miña casa e son bastante coidadoso coa miña intimidade e a miña vida privada, algo que falta na política actual. Gústame tamén entrar nun sitio e ser un anónimo, un descoñecido e, na miña casa, teño o meu reduto. Ademais, durmo moi mal fóra da casa. -Ten fama de austero, de ter claro que os cartos públicos son dos galegos... -Esa é unha máxima que debemos aplicar todos. Dicía un mandatario que é importante vivir como un pensa porque, se non, acaba pensando como vive. -As súas fillas dedícanse á música ¿vostede canta, ou toca, ou algo? -Eu teño máis orella que oído (ri). -Hai unha pregunta que... se non quere, non responda... ¿Ten un irmán cura? -Cura, non. -Ou que ten un posto importante na Igrexa... -Na Igrexa, non... É membro dunha organización da Igrexa, moi importante... -A ver, en confianza, ¿impórtalle que se fale disto? -A min non me importa, non sei a el. Eu teño un irmán que é do Opus. -Xa... -Non me importa, e supoño que a el tampouco, é unha persoa coñecida no Opus. -Din que é o número tres no ránking mundial... -Non coñezo o ránking do Opus, pero debe de ser, leva moitos anos, é un home con moita capacidade intelectual, físico, case matemático, fala e escribe cinco idiomas... -¿Teñen boa relación? -Si, si. -Para que logo digan, Bloque e Opus na mesma casa... -Veño dunha familia onde a liberdade de pensamento estivo moi arraigada e moi practicada. -Ten sentido do humor, retranca galega... -É importante relativizar as cousas.