Proxectos entre a creatividade e a especulación

TUCHO CALVO

GALICIA

Análise| Arquitectos, normas e planificación «A arquitectura que se está a facer fóra das cidades non é nin a que soñamos nin a que lembramos», asegura Teresa Táboas Veleiro, decana do COAG.

25 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Estamos a vivir un momento histórico e non necesariamente positivo no seu estado actual. Unha época na que uns teñen medo a avanzar e apostan pola historia (arquitectura tradicional, conservación de cascos históricos, festas medievais, o mesmo tipo de vivendas que hai trinta anos...) e outros loitan por levantar unha sociedade na que existen magníficos impulsos de modernización. Así contempla a situación desde o seu punto de vista privilexiado a decana do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Teresa Táboas Veleiro. Na súa opinión, «vivimos nunha etapa complexa, pero apaixoante. Os cambios sucédense rapidamente, con transformacións profundas dos sistemas político-financeiros e socio-culturais, e novas realidades neste devir histórico que nos ofrecen a posibilidade de asumir o reto de re-pensar a arquitectura e o urbanismo». Pouco dada a sentenciar e proclive á análise e a reflexión como antesala para a planificación, Teresa Táboas recoñece que o noso urbanismo «deambula entre a creatividade, o pensamento e a especulación económica». Inmovilismo Fronte ao arranque do século XX, marcado pola innovación do modernismo, na actualidade vivimos como querendo deter a arquitectura nun tempo que xa non existe. E o mesmo que cabería preguntarse cal é agora a verdadeira arquitectura tradicional do país, tamén deberíamos reclamar unha oferta de vivendas máis flexibles que non reproduzan os criterios que rexen desde hai trinta anos, senón que contemple a singularidade dunha sociedade con procesos cambiantes na que, por exemplo, na actualidade hai un 30% da poboación que vive soa. Segundo a decana dos arquitectos galegos, «a arquitectura que se está a facer fóra das cidades non é nin a que soñamos nin a que lembramos. A maioría son arquitecturas con tipoloxías a cabalo entre o mundo rural e o urbano que xa non responden ao modo de vida no campo». Pero ¿é problema de normas? Ela di que non, que coas que hai sobra se se cumpren. De feito o COAG enviou un escrito ao 70% dos concellos de Galicia porque non esixen a Licencia de Primeira Ocupación. «O urbanismo utilízase moitas veces como moeda de cambio político e non para un desenvolvemento e unha arquitectura sostibles. Este é un asunto moi dado ao emprego oportunista. De feito hai moitas malas arquitecturas que non se poden incluír na lei do 2002 e outras boas que non». «A min ?di Teresa Táboas? as regulacións danme medo. Prefiro que as cousas se fagan por coñecemento e convencemento. E que as Administracións se impliquen. Porque os moitos cambios crean inseguridade, e é preferible ter poucas leis e que se apliquen, como pasa no modelo anglosaxón». E falando de fóra, engade: «Cando se fala da Europa das rexións estase a fomentar a cultura do territorio, desde o que se pretende xerar o desenvolvemento e conservar a diversidade rexional. É dicir, a planificación rexional está pensada para transformar as escalas territoriais actuais en que as cidades se pensan como sistemas de cidades, redes de cidades, de rexións urbanas, e nas que o mundo rural ten un papel específico e estratéxico de conservación da natureza e polo tanto desta como patrimonio. No Consello de Arquitectos de Europa, no que participo en dous grupos de traballo, o que orienta o desenvolvemento sostible é esa ordenación territorial previa». Outro coñecido arquitecto galego, Juan Carlos Portela Regodeseves, entende tamén que na aplicación da lexislación urbanística é determinante o marco social, económico e territorial ao que está destinada, e que «unha boa lei aplicada sobre un contexto que non está preparado (ou que non foi preparado previamente) para o calado que poida ter o seu plantexamento, ou o que poida representar a súa aplicación, está con toda seguridade abocada ao fracaso».