Toda Galicia é edificable

Tucho Calvo REDACCIÓN

GALICIA

PILI PROL

Reportaxe | Ao longo de anos, calquera con cartos puido construir a súa casa onde quixo e mesmo lle asfaltaron unha vía para chegar a ela Edificar sen planificación nin control fomentou unha dispersión que fai inasumibles os custos que esixe dotar de servizos modernos as vivendas illadas.

10 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

En só medio século perdemos o territorio que como fonte de vida caracterizou Galicia ao longo de toda a súa historia. Nun proceso vertixinoso e seguramente traumático, a xeografía do país pasou a converterse en solar e perderon a súa función leiras, prados, montes, hortas e demais. A accesibilidade total, nunca coartada pola Administración, permitiu aos axentes da construción chegar a todos os sitios. Os galegos, cun millón de coches, poden acceder a cualquera lugar desde a praia ao cumio dos montes e facer calquera cousa. Toda Galicia é solar e reclamamos os máximos servizos sen ter en conta o rico que necesita ser un pobo para poder manter na actualidade tal dispersión. Durante anos, calquera que tivese cartos contou antes ou despois cunha pista asfaltada para poder elevar a súa vivenda sen máis consideracións que as derivadas de ter un terreo e o antollo de edificar. Nin previsións sobre o que podería acontecer, nin control algún sobre a obra. E chegamos a un modelo insostible marcado non só pola realidade histórica que representa contar coa mitade das entidades de poboación de toda España (32.000 de 63.000, das que máis de 25.000 teñen menos de cen habitantes), senón tamén con infinidade de vivendas totalmente illadas cuxos moradores esixen suministro eléctrico de calidade, teléfono e Internet, transporte escolar, servizo postal, etcétera. Correos, por exemplo, que conta en Galicia con 2.500 funcionarios, dispón de 1.300 carteiros rurais que cobren unha rede de distribución superior aos 50.000 kilómetros, o maior do conxunto do Estado. A súa cualificación de operador público universal fai que asuma a prezos asequibles esa distribución que para as empresas de mensaxería privadas é perfectamente inasumible. O problema é similar se falamos de suministro eléctrico, e Fenosa hai tempo que reclama compensacións porque, afirmaba a empresa a mediados do 1999, vender a luz en Xinzo de Limia resultáballe 3,3 veces máis caro que facelo no concello manchego de Valdepeñas. Aínda que a poboación era equiparable, a lonxitude do tendido era moitísimo maior no caso galego e, ao cabo, o custo por kilovatio/hora consumido era aquí 5,9 pesetas fronte a 1,8 pesetas en Valdepeñas. O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) constatou tamén que as eléctricas deben gastar na nosa comunidade o doble que noutras zonas do Estado para levar a electricidade a fogares e empresas (maior número de averías polos temporais e a lonxitude do cableado, e un consumo por cliente o 72% inferior). A rede galega de baixa tensión de Fenosa para atender a 1,2 millóns de clientes é de 47.038 kilómetros con 13.407 transformadores, en tanto que no caso de Madrid, para o seu millón de abonados, dispón de 17.705 kilómetros de cable e 6.831 transformadores. As cifras acadan valores equiparables cando falamos do transporte escolar, que representa na comunidade galega nada menos que o 30% do conxunto estatal. Son 2.441 vehículos os que cobren 5.044 rutas para 102.149 alumnos duns oitocentos centros, cunha media de entre oito e dez paradas. Claro que, como non hai mal que por ben non veña, este é un negocio que xera noventa millóns de euros ao ano. Os exemplos poden multiplicarse canto se queira. Aínda que coa colaboración dos satétites poden chegar a obviarse algúns dos moitos problemas que a orografía e a dispersión galega supoñen para os servizos de telefonía e Internet, xa nos atopamos nun punto de partida moi desventaxoso. E, polas mesmas, temos que manter unha rede de carreteras e pistas asfaltadas que chegan aos sitios máis agachados, resolver unha recollida de lixo non menos gravosa e un longo etcétera de gastos que fan que se diga que é mellor mercarlle un piso na cidade aos habitantes dunha desas casas que equiparalos en servizos aos que reciben os habitantes dunha zona urbana.