Galegos coma nós

La Voz

GALICIA

17 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Eu tamén fun emigrante. Tiven que deixar Galicia un 2 de xaneiro de hai xa algúns anos, primeiro camiño de Madrid e logo de Barcelona, e foi na Cidade Condal, traballando e estudiando, onde puiden facer realidade o meu soño de cursa-la carreira de xornalismo e, sobre todo, de dedicarme a el profesionalmente na prensa, a radio e a televisión. Alí descubrín Galicia, en contacto cos demáis galegos emigrados, e alí fun consciente do grande tesouro que significa ter unha lingua e unha cultura propias. De xeito que intentei aprende-lo catalán, por suposto, pero tamén afondei cada vez máis no que é máis noso. Tiñamos bós mestres, empezando polo poeta Manuel Casado Nieto, ou o profesor Basilio Losada. Non había celebración galega que non tivese alí o seu eco nin problema de Galicia que non fose abordado en mesas redondas ou encontros de diversa índole. Incluso tiñamos algún programa de radio en galego, con debate -por exemplo, o do ourensán Manuel Fernando González-, cando aquí non había ningún. Viviamos máis alí a galeguidade que en moitos lugares da propia Terra. Por eso, un día, catorce anos despois, volvemos ó fogar de Breogán. Outros non puideron nin poderán facelo xa, pero seguirán vivindo en galego alá onde estean. Velaí, xa que logo, por qué cando escribín a Historia da Radio en Galicia, pensei que era obrigado dedicarlle un capítulo ó grande labor que desenvolveron os galegos do exterior neste campo, que foi e segue a ser unha realidade, nalgúns casos con exemplos tan sobranceiros como o de Sempre en Galicia, o programa dominical que os galegos de Montevideo teñen a sorte de seguir a escoitar na sintonía de Radio Carve, conducido polo bergantiñán Tony de Seárez. A pouco que un viaxa polo mundo, sobre todo polas Américas, decátase de que Galicia é moito máis que A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Non é que me acolla á fermosa frase do poeta Salvador García Bodaño, cando sinala que «Galicia é isto que vai en nós», que me parece que define moi ben o que queremos dicir, senón que entendo que Galicia non está completa se non ten en conta a realidade dos seus fillos. Gracias ás colectividades do exterior, confeso que me teño sentido tan galego en Buenos Aires como en calquera lugar do propio país. E nalgúns casos, perdoen, aínda máis. Sen embargo, a sensación do galego que voltou é que na Terra non se comprende en toda a súa fondura a realidade da Galicia exterior e o importante que pode ser en tódalas ordes manter eses lazos. O tema é especialmente preocupante en certos ambientes, nos que é evidente que hai un grande descoñecemento da situación. Aínda que algo imos progresando. Co gallo das últimas eleccións, xa tódolos candidatos decidiron cruza-lo mar. A Galicia exterior, a extraterritorial, existe e, como ten dito todo un mestre neste campo, Fernando Amarelo de Castro, ten que levarnos á formulación dunha Galicia aberta ó mundo, formada por un pobo que se caracteriza, máis que polo ius soli, é dicir, o feito de nacer nun territorio determinado, polo ius sanguinis, ou sexa, polos lazos de sangue, os vínculos familiares, aínda que os membros da familia vivan en distintos continentes. Todo o que se poida facer por esa nova concepción de Galicia é pouco. Por exemplo, a nivel de comunicación, vía televisión. A TVG xa se ve nas Américas desde hai anos, pero quizáis habería que facer algunhas emisións específicas para Europa e América. Pero de propostas podemos falar outro día. Permítanme rematar hoxe amosando a miña máis fonda consideración a cantos están lonxe, sobre todo ós da querida República Arxentina, ós que tanto debemos, e que agora non viven, precisamente, os seus mellores momentos. Están lonxe, mais non esquencidos. Son galegos coma nós.