O presidente arlequinado pretende deixar pechado o plantel para a asemblea do vindeiro 10 de xullo
30 jun 2015 . Actualizado a las 15:25 h.Juanjo e Rivas defenderán por sexta campaña a camisola do Arousa. Así o confirmou onte a directiva do club arlequinado, que coas renovacións do lateral dereito e do mediocentro defensivo eleva a trece o número de futbolistas confirmados no vestiario da Lomba para a vindeira tempada. Con nove fichas inda vacantes, inda quedan nove casos por definir no tocante aos futbolistas que remataron a pasada Liga no equipo, logo da confirmación da continuidade de Lucas (porteiro), de Álex Freire (lateral esquerdo), de Eloy (interior esquerdo), e de Adrián Camiño (mediapunta), e as baixas de Nano, de Juanito, de Javi Pazos, de Capelo, de Martín e de Santi.
A falta de información oficial por parte do club sobre os casos de Jorge Pérez, de Cheri, de Alfonso, de Juan, de Iago Pérez, de Vixo, de Pablo Vázquez, de Nando e de Quique Cubas, o capítulo de fichaxes vai tamén lento, cos anuncios contados das incorporacións dos centrais Cardeñosa e Aitor Díaz, do dianteiro centro Hugo Soto, a recuperación tras sendas cesións de Rubén Martínez (Sanxenxo) e Fernando Santaló (Bertamiráns), e o paso ao primeiro plantel dos xuvenís recén licenciados Carballa e Grégor.
Un retraso en parte determinado pola intención da directiva e do corpo técnico do Arousa de facerse cos servizos dalgún dos integrantes do plantel co que o Pontevedra vén de acadar o ascenso de regreso á Segunda B. Neste senso, o presidente arlequinado, Manolo Abalo, manifestaba onte que «ata agora non quixemos interferir, porque o Pontevedra se estaba a xogar o ascenso. Agora, sempre que a economía do club o permita, temos algún xogador de Pasarón en carteira». Claro que o Arousa terá que pelexar duro, en tanto a intención do Pontevedra é contar co 80 % do seu actual plantel.
Abalo adiantou o seu propósito de deixar pechado o equipo de Piscis o 10 de xullo, día fixado para a celebración da asemblea ordinaria 2015 do Arousa.