Unha cousa de nada

FUGAS

SIRO

Colleume unha chuvia inesperada mentres paseaba só pola praia, nunha estampa digna dun drama bergmaniano, co remate do verán xa no horizonte. Non me importou. O areal estaba deserto e penso que durante aqueles minutos de orballo, coa vixilancia alternante dun par de gaivotas, non fixemos mala parella. Defendía Borges nun dos seus poemas máis célebres que a chuvia é unha cousa que sempre acontece no pasado, e hai razóns de sobra para elevar o pensamento do mestre arxentino a axioma. A chuvia, gran fornecedora de flashbacks, traballa en nós convertida nun retrovisor de primeira categoría. Exerce con destreza a arte de rebobinar imaxes ante os nosos ollos. Pero en ocasións, consciente dos seus poderes, tamén sabe proxectarse en dirección ao futuro. Así interpretei o significado desa repentina poalla que me acompañou mentres camiñaba pola beira, coma unha sorte de mecanismo propulsor cara a algunha mutación por experimentar. Supoño que se explica porque acaba de arrincar setembro, un mes ao que lle confiamos promesas e aspiracións. Ou a que escribo estas liñas mentres escoito Changes, o tema orixinal de Black Sabbath que Charles Bradley transformou hai uns anos nunha emocionante peza de soul, capaz de encoller os estómagos dos temperamentos máis duros e imperturbables. Ou tamén a que me veu agora á cabeza outro verso de beleza chuviosa, este de Uxío Novoneyra: «Chove para que eu soñe». Son días, os primeiros de setembro, nos que a miúdo apetece modificar algo, sexa baixo a sorpresa dun ceo que ennegrece de súpeto ou baixo os efectos euforizantes dun soño. Momentos de novas ventilacións. Regresamos á rutina, aos camiños marcados, ás obrigas inaprazables, pero sempre co desexo secreto de reformar unha disposición, un ánimo, un costume. O que sexa, pero cambiar. Eu ando nesas dende que comezou o mes. No absorbente proceso de reparar algo de portas para dentro, pero sen saber aínda onde debo localizar exactamente a reforma. Consólame saber que ninguén nace xeógrafo de si mesmo. Cando me colleu a chuvisca o outro día na praia pensaba a fondo niso: en alterar unha práctica, unha visión, un obxectivo, unha ruta. E non cheguei a ningunha conclusión que pague a pena reproducir aquí. Só seguín camiñando, sen alterar demasiado o ritmo, mentres a poalla se dedicaba a facer tranquilamente a súa tarefa. Unha cousa de nada. Se o penso ben, creo que foi un gran cambio.