Este volume aséntase nas terras da Baixa Limia, concretamente en Grou (parroquia de Lobios composta de vinte e cinco lugares), espazo ao que Méndez Ferrín xa lle outorgou entidade literaria imperecedoira
14 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Coido que son moi operativas e útiles as panorámicas holísticas, isto é, aquelas que abrazan unha perspectiva que posibilita calibrar e entender unha realidade, unha área concreta da cultura ou do saber científico mesmo, coma se fose un todo no que as súas partes están sempre relacionadas entre si. Esta é, paréceme, a orientación que se lle outorga, desde a súa concepción, ao proxecto que agora se transforma en publicación titulado Grou. A cultura do millo que vén da man de Carlos Méndez, na dimensión de esculca e interpretación, e de Pedro Puig no que se refire ao corpus fotográfico que se incorpora no libro, coa veciñanza do lugar como eixe central mais tamén fotografado comunalmente con outras angueiras. Volume, por certo, que exhibe unha estética moi atractiva ideada nun selo editorial, Picós, sen ánimo de lucro e que reinviste beneficios, se os houber, na divulgación do patrimonio, da memoria histórica, das vidas e das xentes dos lugares da Baixa Limia e do parque del Xurés, polo de agora.
En efecto, este volume aséntase nas terras da Baixa Limia, concretamente en Grou (parroquia de Lobios composta de vinte e cinco lugares), espazo ao que Méndez Ferrín xa lle outorgou entidade literaria imperecedoira, e que persegue recompilar o traballo tradicional vinculado co campo, a carón da memoria oral e máis concretamente todo aquilo que ten que ver co ciclo do millo.
Un libro, ademais, no que a parte visual é moi relevante —véxanse por exemplo, as fotografías que recollen o entroido—, mais non é menor o esforzo de síntese e brillantez que domina a parte documental e explicativa que repara en aspectos históricos, toponímicos e loxicamente todo o que ten que ver co millo sen esquecer nin o folclore nin todo aquilo que se constrúe arredor do entroido da Baixa Limia coas persoas que encarnan os chamados troteiros, carantoñas, madamitas, cabreiros, danzantes ou follateiros.
Un completo libro, que conxuga antropoloxía con etnografía, memoria e cultura en xeral. Ao tempo reconstrúe a identidade desde un lugar que a mantén con orgullo. Parabéns ás persoas que idearon o proxecto e que lle deron unha forma tan acaída.