Para engordar e envellecer non hai que facer nada especial, só estar viva e ir comendo algo, que xa é bastante. A partir de certa idade, ou axamónaste ou amoxámaste, xa se sabe, un dito popular que restaba encanto a calquera das opcións, nin era bonito estofarse, que diría Candela Peña, nin quedar reducida a osos de galiña vella.
Iso era antes, claro. Os novos tempos veñen con drogas para quitar a fame, cousa terrible que antes só conseguía a enfermidade. Confeso que conseguín no mercado negro unha receita para o medicamento de moda. Leveina comigo no bolso durante semanas. Cada vez que pasaba por unha farmacia esfollaba a margarida, gastarme os euros que abofé aforraría en cañas e en churruscadas ou pasar de largo e sentar na terraza dun bar. A miña indecisión e a miña tendencia ao aperitivo con olivas e patacas fritas alongouse tanto que houben de tirar o prospecto sen probar a apócema máxica que, a priori, é bastante decepcionante. Tantos séculos de evolución e investigación científica para que, en lugar de encontrar a fórmula máxica que desfaga a graxa que se acumula nos recodos como a cal nas tubaxes, atopase un medicamento que quita as ganas de comer, que é como quitar as ganas de vivir.
Quen nos ía dicir que o luxo sería pasar fame, un ascetismo moi acorde con estes novos tempos de conversos do deporte nos que conseguir o rigor necesario para lucir eses corpos traballados durante horas diarias de ximnasio resulta unha maneira de superioridade moral. Non será unha satisfacción inane nunha vida de frustracións? Non podo ser influencer nin rico, pero podo ter un corpo de influencer ou de rico, que xa non son gordos como noutro século. Pequenas vitorias ao alcance de calquera.
Os nazis tamén celebraban traballar os corpos como reivindicación da raza, será por iso ou por vagancia, que me resulta inquietante este mundo onde o corpo deixa de ser un parque de atraccións do que disfrutar comendo, bebendo, nadando, xogando ao brilé, retozando, cargando coa alma e co intelecto para pasar a ser un lenzo onde demostrar a capacidade de restrinxirse, de controlarse, de disciplinarse, como se fosemos todos un exército obediente que non necesita pensar.