Non hai moitos anos, un familiar meu compartía cuarto hospitalario cunha persoa que formara parte da tripulación secuestrada no transatlántico Santa María. Non lembro o seu nome, e ben que o sinto, mais si recordo a seriedade do seu rostro cando se refería ao medo e á incerteza que sentira naqueles días de xaneiro de 1961. Sobre aquela operación levada a cabo polo chamado DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) sabiamos algo grazas ao traballo biográfico que Antonio Piñeiro fixera do poeta celanovés Pepe Velo e doutras fontes como os traballos de Xavier Montanyà, Xan Leira ou Margarita Ledo Andión.
Con todo, non sospeitara que aquel secuestro e, sobre todo, os seus principais protagonistas —Velo, Galvão e Sotomayor— puidesen converterse no fío que sutura unha proposta narrativa híbrida —velaí as páxinas de filiación xornalística, biográfica e ficcional por xunto— que vén da man, grazas á tradución de César Lorenzo, de José Ignacio Carnero.
Teño para min que Os fabuladores é talvez algo máis que a historia e o desenvolvemento daquel intento de denunciar diante da opinión pública mundial as ditaduras de Franco e Salazar, cunha clara vontade propagandística. Algo máis, pois, alén do relato, Carnero fai que traspasemos ese delgado gume que separa os soños do que non o son con naturalidade e fai que funcione o pacto de complicidade que nos pide desde o comezo.
Ademais, case engadiría que a novela brilla cando adopta esa tonalidade narrativa a cabalo entre o xornalismo e a ficción, construíndo con transparencia —e coido que non é doado— unha etopea dos tres protagonistas grazas a un proceso de busca que adquire a categoría de obsesión para iluminar ángulos escuros e, abofé, para deseñar os desexos, contradicións e expectativas de Galvão, Velo e Sotomayor, sen esquecer reconstruír o final de cada un deles cando xa non albiscaban Ítaca ningunha.
A poeira que trae o tempo e o esquezo canda si converteunos en símbolos se se quer dun tempo extinguido. A estrea inminente da curtametraxe documental Expediente Xosé Velo, dirixida por Aser Álvarez, afondará seguramente neste sentido.