Fóra de tendencias: conversas entre Ego e Álter

Ramón Nicolás

FUGAS

O desdobramento dun personaxe revelado como un escritor insatisfeito é o primeiro que achamos neste último libro do poeta, narrador e guionista Manuel Darriba. Volume que se sitúa na liña das súas últimas entregas no que atinxe á construción dunha narrativa se se quer esixente e fóra de tendencias.

Catro diálogos ou conversas curtas e concisas acollen inicialmente a voz de dous personaxes como son Ego e Álter. O primeiro, envellece mentres se suceden diversas situacións; o segundo sempre se mantén intacto nunha idade que rolda os setenta anos e será este quen propoña temas para dialogar e construír ese xogo de identidades que se retroalimenta mutuamente pois ambos os dous son escritores: Ego magmatizado polo fracaso e Álter considerado unha voz de certo éxito. Nestas conversas, situadas en catro segmentos temporais distintos, revélase para min o paso do tempo e como dentro deste ámbito nada, ou case nada, está pechado ou resulta de interpretación unívoca.

A continuación, os nove contos inéditos, tanto de Álter como de Ego, abrazan o desdobramento autorial recreando temáticas heteroxéneas unidos pola patente constatación do paso do tempo, ao meu ver, obxectivado en dous motivos como son o tren —as viaxes en tren, o tren como obxecto de agasallo, as miniaturas posibles noutro relato...— e a guerra, que conduce a situacións absurdas, alén doutros focos de interese como a frustración, o valor do enigmático, os medos irracionais, a morte absurda ou provocada pola vinganza e outros tremendistas como un inspector de policía abusador ou a morte misteriosa dun xornalista vasco.

Relatos, en fin, que demandan unha recepción marcada polo feito de aceptar a complicidade necesaria que se formula nalgúns deles cuxo ton enigmático ou simbólico esixe completalos e darlles un sentido, individual ou de conxunto.

Finalmente, ao meu ver, dúas brillantes sentenzas que latexan no libro orientan, dalgún xeito, o seu sentido. A primeira recóllese cando dialogan sobre a escritura Ego e Álter e cífrana en «pór en palabras as sombras da mente»; a outra sinala que os escritores «en calquera cousa atopamos misterios». Talvez sexa así.