Atravesei a primeira vaga de calor do verán como corresponde, con dificultade para prender o sono entre as incomodidades das altas temperaturas. Por sorte, liquidei parte dunha noite case en branco instalado en Cordillera (AdN), de Marta del Riego Anta, unha magnífica novela sobre a vida na montaña e os seus conflitos subterráneos, candidata ao premio Hammett da Semana Negra de Xixón deste 2026. Imaxino que haberá excepcións, pero esta cousa tan común de ir facendo anos implica perder eficacia á hora de durmir e afrontar algunhas madrugadas como unha pelexa titánica contra o insomnio, ese señor que nos colle do brazo para falarnos ao oído na escuridade. O asunto de Morfeo complícase cos termómetros disparados. Entendo que ten moi mala prensa poñerse a esbardallar do tempo, sinónimo de conversas cheas de lugares comúns e indicio de non saber que dicir en situacións incómodas. Pero a miúdo obrígannos a facelo as ofensivas do cambio climático que sufrimos, capaces de endosarnos o castigo dunha noite tropical cando o verán aínda está entrando pola porta, vestido con traxe de estrea. Leo que as previsións da Aemet auguran un estío especialmente abrasador, belixerante coas condicións apropiadas para o sono. Xornadas asfixiantes por terra, mar e aire que os negacionistas de garda interpretarán como a calor de toda a vida, unha calor de reminiscencias gloriosas. Estaba eu metido na operación de quedar trasposto, logo de rematar Cordillera, cando vin por televisión os parisienses poñéndose a remollo no Canal Saint-Martin, afectados en masa pola canícula; no Reino Unido andaban pechando escolas para protexer os cativos; en Berlín metíanse debaixo das fontes; nun cantón suízo restrinxían a extracción de auga dos ríos. Parece que só é un avance do vía crucis que nos agarda. Despois deume por ver de novo O gran silencio, ese fabuloso wéstern nevado que Sergio Corbucci concibiu como unha alegoría nihilista inspirada nas mortes do Che Guevara e de Malcolm X. Jean-Louis Trintignant interpreta un pistoleiro mudo e enigmático ao que se lle encarga acometer unha vinganza. E por alí se presenta tamén un sanguinario cazarrecompensas encarnado por Klaus Kinski. Só con esa parella, e coa partitura de Ennio Morricone, conseguín o premio: ascender ao cumio dunha apracible montaña, resistente ao frío e á calor, onde se atenúa a consciencia. Disque os camiños do sono son inescrutables.