Este libro é un testemuño valiosísimo a xeito de memorial de agravios e que funciona como un espello que revela con transparencia a escuridade que reinou nun tempo que cómpre manter presente
24 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Reedítanse oportunamente os célebres Diarios [1938 e 1945] de Syra Alonso, que viran a luz no ano 2000 na colección Mulleres de A Nosa Terra. Preséntanse agora en Alvarellos, cun novo tratamento estético que, ademais, incorpora novas achegas, como son un apéndice gráfico inédito e dous textos engadidos, como o substancioso epílogo do profesor mexicano Conrado J. Arranz e un relato literario da propia Syra Alonso titulado Tres homiños. Igualmente, é Carme Vidal quen se responsabiliza dun limiar de lectura obrigada e Anxos Sumai a que asina de novo a tradución destas crónicas ou diarios, imprescindibles, á lingua galega. A propia Carme Vidal é quen subliña que a edición de hai vinte e cinco anos se vinculara co falecemento do albacea da obra: Xosé Ramón, fillo de Syra Alonso e do pintor Francisco Miguel, e talvez a presente se anoe ao feito da aparición, identificación e exhumación dos restos deste último nunha foxa común do cemiterio de Bértoa (Carballo), onde apareceu coas mans amputadas; restos que xa repousan, desde setembro do ano pasado, no cemiterio de San Amaro da Coruña, cidade na que nacera en 1897.
Entendo como moi precisa esta reedición, entre outras razóns, como operativa para deitar unha ollada actual a un dos textos máis conmovedores que coñezo centrados en relatar, sen ambaxes nin tabús, e ao mesmo tempo revestíndose dunha calidade literaria extraordinaria, como se desata a vaga de terror que acompañou a represión franquista desde dous textos conservados: Diario de Tordoia (1938) e Diario de Actopan (1945). Neles repara na loita sen cuartel que levou a cabo para impedir que Francisco Miguel fose asasinado e, ao mesmo tempo, o que poderiamos considerar como un percorrido heroico, en tantas ocasións épico, que levou a cabo unha muller afouta para saír da España franquista e exiliarse cos seus tres fillos en México, onde morreu no ano 1970. Este libro é, así pois, un testemuño valiosísimo a xeito de memorial de agravios e que funciona como un espello que revela con transparencia a escuridade que reinou nun tempo que cómpre manter presente. Syra Alonso construíu este texto para que a memoria perdurase a través dapalabra. Entreguémonos a ela.