Nos meus soños hai mares embravecidos e casas asolagadas polas augas e pola incerteza e polo fin dos contratos de alugueiro, as mudanzas son violentas e conducen a ningunha parte, e nas lacenas crecen os vermes que non se comen o medo ao futuro, procesionan cara a el sen saber que se atoparán na copa do piñeiro, todo é susto ou morte, louco ou malvado e os ricos soñando con Marte ou a inmortalidade e os pobres soñando con acceder a unha cama quente; a vivenda deixou de ser unha posibilidade para converterse nun milagre, podes ir reclamalo a Amil ou a Fátima ou ao despacho oval onde a xefa de asuntos místicos ponte en contacto con Deus por un módico prezo. Os anxos modernos aceptan Bizum ou transferencia bancaria e designan aos novos mesías que están máis contentos se xogan ao golf, pero non tanto como para desfrutar da súa existencia sen emponzoñar o noso mundo, ese que os aiatolás teñen collido polo estreito de Ormuz, quen diría que alí, nese mar entre montañas e desertos, ían estar os ovos apertados de occidente, case tanto como os hiyabs obrigatorios das mulleres iranianas, pero non había turbantes nos meus soños, nin inmigrantes xogándose a cidadanía nas oficinas do bono bus onde che dan o certificado de existencia, para ser español tes que ter percorrido a M30 en transporte público, do piso pateira ao traballo en negro, ese que a Comunidade de Madrid non quere sacar a flote, mellor ter escravos que veciños e eu esperto co canto do paxaro que me recorda a primavera, a forza da terra como esperanza e como sentenza, as horas pasan e só tes unhas, as que che correspondan, e podes gastalas máis ou menos como queiras, descontando as oito do traballo e as de ir de aquí a acolá, mellor andando, que a gasolina está máis alta que ese pardal que canta no tellado da igrexa.
No libro que ando a ler, un rapaz que se entende mellor cos animais que cos humanos, é cazado como se fose unha besta, a súa diferenza provoca medo. Cada vez é máis difícil discernir se no labirinto está atrapado o monstro ou a vítima como naquela fermosa versión de Cortázar do mito grego. Non sabemos se queremos ser Minotauro ou Teseo.