En «Begoña ou o pracer da amizade» asistimos da man de Circe, Penélope, Morgana e Xenebra á revelación dos socalcos biográficos, profesionais e literarios máis salientables da escritora viguesa
23 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O formato da coñecida colección Merlín de Edicións Xerais, onde tamén se publican anualmente ensaios biográficos relacionados coa celebración das Letras Galegas, acolle achegas que, en primeira instancia, están dirixidas ou focalizadas nun lectorado novo ao que hai que lle ofrecer, sobre todo, información sintética, rigorosa e completa sobre unha voz literaria. Nesta ocasión, é a profesora e escritora Beatriz Maceda quen nos ofrece un volume biográfico coas devanditas características, na realidade unha biografía novelada, anoada con especial solvencia sobre Begoña Caamaño. Unha proposta que suscita igualmente o interese do público adulto pois a autora filtra, con bo tino e na súa xusta medida, moita da documentación bibliográfica existente ata o momento sobre a autora viguesa e outra que é resultado das súas propias investigacións e interpretacións, todo por xunto nunha escrita que prima a comunicación e a axilidade narrativa.
Así pois, deste Begoña ou o pracer da amizade cómpre salientar a presenza dun xogo de voces que lle outorga unha inequívoca orixinalidade. Deste xeito, da man de Circe, Penélope, Morgana e Xenebra, asistimos á revelación dos socalcos biográficos, profesionais e literarios máis salientables da escritora viguesa. Velaí os seus anos de formación na cidade de Vigo e, en concreto, no barrio do Calvario, que ficaron marcados a ferro na súa biografía persoal, como tamén o foron os anos que habitou no barrio de Coia; velaí o seu paso pola radio e a defensa inveterada duns medios de comunicación públicos e independentes, alén de afondar na súa experiencia como xornalista e mais a promoción das ideas feministas, de igualdade e de xustiza.
Maceda focaliza neste libro o valor da amizade como un elemento clave que, sen idealizarse, é quen de se humanizar e construír a propia identidade persoal e emocional, para o que se subliñan sexan os vencellos afectivos baseados, entre outros, nos conceptos de lealdade, compromiso, sororidade e empatía.
Un libro clave, entendo eu, no labor necesario de divulgar a figura da escritora Begoña Caamaño, de proxectar a súa relevancia nos días de hoxe. Parabéns por esta achega.