Pódese evocar ou lembrar o pasado a través dos rótulos? Aínda máis, forman parte do noso imaxinario persoal ou colectivo?, constitúen, talvez, un patrimonio que se debe rescatar ou, cando menos, evitar a súa perda ou destrución?, pódense catalogar como verdadeiros espazos da memoria? A estas preguntas, e outras, responde afirmativamente, este libro de autoría colectiva da man de Ana Cocho, Jorge Lens e Robert Willemse, baixo o título de Os rótulos da nosa vida.
Hai por volta dun ano soubemos dun traballo de intención parella que a historiadora Aldara Cidrás realizaba sobre a zona vella de Santiago de Compostela a través da conta de instagram compostela_etnografica, mais agora o proxecto que publica Galaxia posúe unha intención totalizadora que peitea, ordena e rescata aqueles rótulos de carácter comercial que forman parte, inequivocamente, da identidade das nosas vilas e cidades. Velaquí, así pois, máis de seiscentas pezas fotografadas por todo o país e que responden a un amplísimo abano de formas, materiais, tipografías e fórmulas por veces en tantas ocasións aínda sorprendentes. Cada rótulo encerra de seu unha historia particular, quen o dubida, e resulta máis que posible que ver algunha destas fotos nos active na memoria un tempo ou unha evocación que, como as persoas responsables deste libro afirman, serve para «viaxar ao redor daquelas pequenas historias que axudaron a configurar o relato do que somos».
Unha viaxe, así pois, que resulta operativa ademais para concienciar e poñer en valor estes carteis comerciais e, ao mesmo tempo, facernos reflexionar sobre a súa máis que necesaria preservación que, por outro lado, testemuña a singularidade das nosas cidades e rúas. Un obxectivo ao que nos sumamos particularmente e con convicción desde unha cidade como Vigo onde rótulos como o dos estaleiros Barreras, o das cordelerías MAR, o do fotógrafo Pacheco ou o da célebre Tipografía Regional, situado na Falperra, son xa inexistentes. Non todos correron esa sorte como exemplifican o famoso anuncio de Domecq na Porta do Sol ou o das «Bodegas Bandeira», felizmente conservado tras a rehabilitación do edificio que o acolle no barrio vigués do Calvario.