«As flores do baleiro» é un canto funerario comunal erixido desde un dos núcleos resistentes á pandemia do coronavirus, como foron as urxencias e os cuartos dun hospital innomeado
27 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Sigo con moito interese a traxectoria poética de Medos Romero. Nos últimos anos é esta unha senda que percorreu desde as instancias da autoesixencia na construción dun discurso fluído e ao tempo coidado. Os seus libros conforman un macrotexto plural, rico e vizoso que ademais suxire un convite á reflexión e a unha lectura recollida, case íntima e de maneira natural.
Todo isto, creo non enganarme, latexa en libros anteriores como foron O pozo da ferida (2006), A ansia do lóstrego (2012), Hortensia (2020) ou O sol era Ela (2021, Premio de Poesía Afundación e Premio Nacional da Crítica) entre outros. O presente As flores do baleiro sitúase na máis elocuente e respectuosa tradición do pranto: un camiño, coido que é bo lembralo, que existe entre nós desde a Idade Media, cos exemplos innovadores de Pero da Ponte; que seguiu alimentando algunhas composicións conservadas dos chamados Séculos Escuros e que se estendeu tamén na nosa poesía contemporánea, en moitos casos con inequívoca fortuna.
Desde hoxe nesa estirpe brilla este libro, coa matización que este non é un laio individualizado: antes ben é un canto funerario comunal erixido desde un dos núcleos resistentes á pandemia do coronavirus, como foron as urxencias e os cuartos dun hospital innomeado. Desde aí agroma un cántico laico, global e solidario, dirixido ás persoas falecidas ás que non se lles puido publicamente poñer rostro, moitas delas as nosas propias persoas maiores ás que non se lles permitiu sequera despedirse.
Medos Romero, así pois, condúcenos ata as portas daquel tempo funesto, convídanos a franquealas e a visitar un dos centros da dor e do sufrimento onde non hai memoria gráfica, pero si aqueloutra que se pode transmitir con palabras. Coma un luzada intensa e cegadora, cruzada pola impotencia que se deriva de non poder facer máis do que se facía, dáselle forma a un ubi sunt? elexíaco, humanístico e recorrente que apunta tamén á transitoriedade da vida.
En moitas ocasións, revela a poeta, pouco máis se podía facer que pousar unha man sobre alguén moribundo. Versos conmovedores como tamén o son os que coroan o libro sobre Ucraína e Palestina; abofé que si, porque a memoria debe estar sempre onda nós.