Xentes próximas e lonxanas

Diego Ameixeiras

FUGAS

A escritora arxentina Dolores Reyes
A escritora arxentina Dolores Reyes Sáshenka Gutiérrez | EFE

29 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A ultradereita arxentina disparou contra Cometierra, a novela de Dolores Reyes, presentando unha denuncia contra as autoridades culturais pola distribución de obras que seica inclúen «contido sexual explícito» e supostas temáticas «inapropiadas» para os rapaces. A resposta foi unha lectura colectiva da obra que reuniu máis de cen autoras e autores no Teatro Picadero de Buenos Aires para protestar contra os intentos de censura. «Los muertos no ranchan donde los vivos. Tenés que entender», comeza a novela. Unha marabilla á que cheguei durante a pandemia, fascinado pola historia desa nena que entra en contacto coas vítimas de mortes violentas despois de comer terra. Conmoveume a crónica da xornalista Silvina Friera en Página 12, unha vibrante captura do acto: a emoción cívica, o escudo comunitario contra a intolerancia, o arroubo colorista dos libros. Estaba léndoa cando recibín un wasap de L., escritora admirada coa que comparto xeración e veciñanza. Un murmurio co que me transmitía o efecto que lle produciu algo que un venres tentei expresar por aquí. Nas mensaxes anteriores, enviadas hai meses, trasladábame a ledicia dun premio e a presentación dun poemario seu. Anuncios tranquilos. Lembro que a última vez que cadramos na rúa —un diálogo breve, unha grata cordialidade— parecía pasear ensanchando os límites da cidade, como querendo forxar a sonoridade dalgún verso, sen máis rumbo que o suxerido polas súas matinacións á sombra duns pradairos. Segue a medrar o pensamento escurantista. Violento, anticultural, un vandalismo ideolóxico sostido nun uso non penalizado da mentira. Pero evito o contacto estes días con eses lamazais tan estreitos. Prefiro refuxiarme no cómputo mental de xentes próximas e lonxanas que respiran, como L., por enriba das lóxicas diferenzas, co espírito ancho de Cometierra. E constato un mellor sabor de boca. Non sei se debo achacalo tamén á placidez tibetana que descubro polo señorío de Bluesky, onde acabo de trasladarme dende X, convertida nunha esterqueira sen orde por desexo dun trumpista moi listo. Ou a que vai rematando novembro, mes no que fago anos, e o paso do tempo nos ensina a centrar enerxías. O caso é que estou pensando en que responderlle a L. a próxima vez que me escriba. Quizais que aspiro a pasear coma ela. Quizais o desexo de Dolores Reyes no teatro, serena e xigante: «Aguanten los libros, siempre!».